LATINO, MARCHA E MAXIA A PARTES IGUAIS

23/12/2023

Hoxe ímosvos presentar ao grupo de Baile Latino de Máis que Auga, aínda que é posible que a semana pasada tiverades a sorte de velo en acción en Navia. E é que o noso equipazo realizou un flashmob de Rueda de Casino (salsa cubana), unha coreografía que empezaron a preparar desde cero en novembro e defendérona como expertos.

 

Así que tiñamos que falar coa profe, Noelia Pombo, para coñecer un pouquiño máis esta actividade, que non é das máis coñecidas de Máis que Auga. “Esta clase ten como obxectivo a aprendizaxe en parella de bailes latinos nunha contorna social animada e divertida”. Noe asegura que a actividade está indicada para calquera tipo de usuario/a e entre os seus efectos positivos destacou que “mellora a coordinación, o equilibrio, a postura e a conciencia corporal. Na miña opinión, é a actividade máis completa desde o punto de vista do cardio”. Pero se bo é o traballo físico que se realiza, a profe destaca o aspecto anímico: “O verdadeiramente interesante de latino é que ademais se está nunha contorna social moi animada, perfecta para desconectar despois dun día de traballo. Actualmente temos un equipo de 50 incribles bailaríns de todos os niveis que fan que o meu traballo sexa unha marabilla”.

 

E é que o grupo de latino é excepcional en todos os aspectos. Tal e como nos contou Noe, “nas clases de latino existe unha filosofía de cooperación onde os máis veteranos axudan aos novos participantes a crecer no baile, cousa que vai moi da man coa esencia de Máis que Auga”. E ademais, a relación vai máis aló do deporte: Quedan para ir bailar fóra da instalación, acudir a concertos e ou celebrar ceas con certa frecuencia.

 

O mércores 13 de decembro, o grupo de latino sorprendeunos cunha actuación de salsa cubana en Navia. A nosa profesora explicounos como e para que xurdiu: “Foi unha idea que expuxen aos bailaríns xa que latino é unha actividade pouco coñecida, porque sempre é a última hora e parece que está un pouco escondida, así que pensei que facer unha pequena exhibición daríalle visibilidade e ademais supoñería unha motivación para que o equipo se esforzara un pouco máis”.

 

Así que xa sabedes, as clases de baile latino son os luns e os mércores en Navia (21:15 horas) e Barreiro (18:45) e é unha actividade incluída no abono. E quen pode resistirse se Noelia véndenolo así de ben: “O baile é unha das formas máis completas e divertidas de manterse san fisicamente e se ademais da parte física sumámoslle o bo ambiente social, a diversión e o factor de desconexión que achega é case maxia”.