JUDITH RODRÍGUEZ, NOVA DEPORTISTA MÁIS QUE AUGA

15/04/2021

A viguesa Judith Rodríguez incorpórase á familia de deportistas Máis que Auga. A tiradora, que comezou hai moi pouco coa esgrima adaptada, volve competir despois de case tres anos de recuperación dende o grave accidente de tráfico sufrido en xuño de 2018. Hai uns días asinouse o convenio de colaboración entre Máis que Auga e a deportista, polo cal a empresa aportará a súa axuda na preparación física e nutricional da deportista, mentres que Judith  colaborará con Máis que Auga en accións de divulgación sobre a importancia da práctica deportiva.

 

Judith xa comezou a súa preparación nas nosas instalacións, que curiosamente coñece moi ben porque en 2017 fixo en Máis que Auga Navia as prácticas de INEF. “Recordo que había moi bo ambiente de traballo e moi bos profesionais. Eles ensináronme como era o funcionamento da instalación por dentro para dar o mellor servizo aos clientes, foi unha experiencia que me serviu moito na miña aprendizaxe”, cóntanos a nosa tiradora. E agora, deportista Máis que Auga. “Afronto esta etapa con ganas e seguridade, porque ao coñecer como funciona, sei que estou en boas mans e que vai mellorar o meu rendemento grazas a  ell@s”, manifestou.

 

Judith comezou a facer esgrima cando tiña oito anos e neste deporte acadou grandes éxitos ata que estivo a punto de perder a vida nun grave accidente de tráfico en xuño de 2018. Como consecuencia do suceso perdeu parte da perna dereita e sufriu graves lesións nun brazo, das que aínda se está a recuperar. Hai uns meses, co seu brazo xa en mellores condicións, deu un paso adiante: “Empecei a facer esgrima adaptada en setembro, e acudín á miña primeira competición a finais de outubro”. A pesar de que Judith leva toda a vida facendo esgrima, hai bastantes diferenzas coa disciplina adaptada: “Antes realizaba os desprazamentos cos pés e en esgrima adaptada realízoos co tronco para alcanzar ao contrario. Aínda que unha das diferenzas que máis notei é a rapidez á hora de pensar as accións, xa que en esgrima adaptada estás moito máis preto do contrario e cando o árbitro di “adiante” tes a arma do contrario a pouca distancia. A zona de tocado na modalidade de florete e sabre é a mesma, en cambio en espada soamente podes tocar no tronco, e en esgrima de a pe podes tocar en todo o corpo”.

 

Falar dos Xogos Paralímpicos de Tokyo para Judith é un soño, pero a pandemia mundial da COVID-19, como en todo, fai cambalear todos os plans: “Ir a unhas Olimpíadas é un soño desde que empecei na esgrima con 8 anos. Fun preseleccionada pola miña federación pero este ano, coa pandemia, suspenderon as competicións internacionais e aínda non puiden sumar puntos. É un ano complicado para todas e todos”.

 

Así, hai que ir paso a paso. O primeiro, a vindeira fin de semana: “Teño a III Proba de Campionato de España e gustaríame estar arriba do  podio. En xuño temos unha Copa do Mundo en Polonia, pero pola situación mundial non sabemos con certeza se se celebrará.  Gustaríame chegar ao 100 % e para iso quero mellorar a forma física e a técnica e táctica nos asaltos de esgrima”.

 

Judith súmase así a familia Máis que Auga. Dende hai varios anos, esta empresa viguesa colabora, tanto con deportistas a nivel individual como con clubs, co obxectivo de acompañalos no seu día a día, nunha acción dentro da súa política de responsabilidade social corporativa. A empresa deportiva viguesa entende que todos eles representan os valores e a filosofía de Máis que Auga.