Javier Sierra: “Máis que Auga cámbiache a perspectiva”

04/11/2018

Os sete anos, oito meses e vinte días de experiencias vividas en Máis que Auga son para Javier Sierra “algo que cambia a túa perspectiva”. Un dos máis carismáticos técnicos continúa agora a súa evolución persoal no terreo educativo. Javier Sierra entende a vocación de mestre como unha fórmula mixta onde “tan importante é ensinar como aprender” e pensa que o deporte é tamén é unha escola de aprendizaxe mutua.

Que aprendiches en Máis que Auga?

Para unha persoa que viña de pequenos centros deportivos onde o ambiente é totalmente familiar, Máis que Auga cambia a túa perspectiva de xeito abismal. Chegas a moita xente e convives de súpeto con moitas persoas ao día e tes que aprender a usar as ferramentas precisas.

Ese crecemento profesional e persoal é agora a miña mochila, igual que o sorriso e a satisfacción dos clientes son o mellor momento desa etapa.

É tamén unha formación persoal?

Agora son pai dun rapaz de 7 meses, e o primeiro que aprendes é que ti non es o máis importante. Tes unha vida que gozar pero todo xira agora arredor desa nova persoa na familia. Desde sempre o meu soño é formar parte do día a día dos rapaces: esa é a principal razón de que agora cambie de actividade… para seguir retroalimentando esa vocación, aprendendo do contacto directo con escolares nun centro educativo. Paso a paso, como na vida.

Que visión tes da actividade deportiva?

Eu formeime como mestre e tamén licencieime en actividades físicas e deportivas coa idea de facer do deporte a miña vida profesional. Pero realmente non sabía que o deporte puidera ter o alcance e a dimensión que teño visto durante esta etapa en Máis que Auga. Impresionoume particularmente a experiencia de usuarios que teñen superado momentos moi duros da vida familiar grazas as clases e o traballo diario no centro.

En Máis que Auga que papel ten o deporte?

Eu levo anos como instrutor de zumba e desde esa perspectiva a idea que tes é que a xente ven aos centros a desconectar e que o teu papel é facer que o pasen ben, que esquezan a súa vida.

Pero esa dimensión excepcional da que falaba tamén impresióname. En Máis que Auga tes moi claro o papel motivador que che corresponde como profesional. O lema “Persoas que atenden a persoas” incide nesa relación humana, nesa experiencia que queremos trasladar aos clientes e que desde logo é sempre algo de ida e volta.