ISABEL FERNÁNDEZ:” VOU A MOBILIDADE PORQUE SEI QUE É UNHA MEDICINA MOI BOA PARA O CORPO”

09/08/2023

Seguro que queredes saber en que clase nos “infiltramos” esta semana. Pois nesta ocasión fomos a Mobilidade en Navia, unha actividade incluída no abono que vén ben a todo rango de idade xa que o que se busca é realizar un traballo articular, estirar ben e mellorar a mobilidade.

 

A clase comeza cun traballo de quecemento, tal e como nos explica a monitora Jennifer Domínguez. “Durante cinco minutos facemos exercicios globais que se centran na mobilidade articular para entrar en calor e despois xa facemos un traballo máis centrado nas diferentes articulacións, desde os ombreiros, á cadeira, xeonllos ou nocellos”, indicou.

 

Nesta clase tamén se utilizan diferentes materiais, que axudan a que as clases sexan máis entretidas. Así, por exemplo, usan “pelotas de tenis para a liberación miofascial e os sliders ou pelotas para traballar un pouquiño máis o movemento”, pero o máis importante é “realizar un traballo controlado que implique un amplo movemento articular”.

Esta clase vénlle ben a todo o mundo, pero a usuaria tipo é: “Mozas de entre 35 e 65 anos aproximadamente”. Sen dúbida un abano de idades moi amplo, pero… quen non ten un problema articular ou malas posturas, moitas veces provocadas polo traballo?

 

Ademais, tamén hai xente máis nova que, a pesar de non ter molestias, utiliza a clase para relaxarse un pouco e traballar a mobilidade.

 

Unha das habituais na clase matinal de mobilidade é Isabel Fernández, de 69 anos, que leva desde fai 5 ou 6 anos en Máis que Auga Navia -aínda que ás veces, segundo a programación, tamén se despraza a Coia-, quen nos conta que a ela encántanlle as clases movidas: “Sempre fun moi activa, así que me apunto a todo o que podo, power, zumba, gluteboom…”. Pero, hai unha excepción e ela explícanos o motivo: “É verdade, Mobilidade é moi tranquilo, pero vou porque sei que é unha medicina moi boa para o corpo. Os estiramentos son moi bos e sei que me fai ben e por iso vou”.

 

Tamén estivemos con Vicky Milego, que leva xa varios anos como socia en Máis que Auga Navia, e que se apunta a moitas das clases de sala: “A que máis me gusta é bike, pero tamén mobilidade, zumba… Eu apúntome a todo o que me encaixa no meu horario, porque vou pola mañá”.

 

Mobilidade é unha actividade que lle vén moi ben a Vicky, de 57 anos. “Hai uns meses dixéronme que tiña artroses na cadeira e teño que estirar ben, así que esta clase éme moi útil”. A única pega é que “hai poucas clases pola mañá”, asegura, porque ela iría todos os días.