IOGA: PAZ, CALMA E EQUILIBRIO PARA CORPO E MENTE

22/06/2022

Cal é a mellor forma de celebrar o Día Internacional do Ioga? Cunha  masterclass para os nosos socios/as! Así que onte, 21 de xuño, guiados pola nosa profe Zaira Lago os nosos abonados/ as gozaron dunha clase dunha hora de duración no Máis que Auga Navia.

 

Cunha luz tenue, música relaxante e a incrible voz de Zaira o ambiente era de absoluta paz, calma, relax… E así esperamos a que finalizase a masterclass para falar con eles. Rosario foi unha das participantes e no seu caso é practicante habitual de ioga. “Normalmente acudo ás clases en  Máis que  Auga durante dous meses ao ano, e despois sigo eu en casa”, cóntanos a nosa socia que non ten máis que palabras de eloxio para  Zaira: “As súas clases son excelentes, e ademais encántanme os seus comentarios, as súas explicacións, porque nos achegan un extra de información”.

 

Quixemos coñecer que sentía a nosa abonada despois de realizar a  masterclass e as súas palabras dino todo: “Prodúceche unha sensación de paz interior, osixénache, da calor, brillo interior, calma, paz, alegría, pracer… Sénteste nova”. Imposible engadir nada máis.

 

E tras Rosario, conversamos con Zaira Lago, que imparte clases de ioga en Navia desde hai xa seis anos. “O ioga é unha disciplina que che axuda a equilibrar mente e corpo, a reducir o nivel de estrés, de ansiedade, acóugache, aínda que por suposto tamén axuda a fortalecer a musculatura, a flexibilidade… En resumo, co ioga realizas un traballo físico e psicolóxico”, destaca. Zaira cóntanos que actualmente moitos dos alumnos que ten acoden ao ioga para controlar os seus niveis de ansiedade ou estrés, tan de “moda” na sociedade actual. “Axuda a superarte, a facer fronte aos teus medos, aos problemas. A xente está nun estado de preocupación constante por todos os problemas que nos rodean e non gozan do presente, do momento, e co ioga enfocas ao teu corpo e a túa mente, sen distraccións. Traballamos a atención no presente para poder vivir o momento”.

 

Día Internacional do Ioga

 

Desde 2014, o 21 de xuño celébrase o Día Internacional do Ioga, unha efeméride promulgada pola ONU co obxectivo de dar a coñecer os beneficios que achega esta disciplina milenaria para o noso corpo e a nosa mente.