IMOS ÁS PRAIAS DE CANGAS… DE MARCHA NÓRDICA!

18/08/2020

Estamos no verán… pois imos á praia! Iso si, dunha forma diferente…. Polo menos pola mañá. Para o día 23 de agosto propoñémosvos unha marcha polas praias de Cangas, desde o porto ata chegar á praia de  Nerga. Sen dúbida, un  planazo que, se queredes, poderédelo completar cunha tarde de praia, un baño refrescante en calquera destas preciosas calas e un  ratito ao sol para recuperarse da camiñada.

 

Así será o plan. A cita témola ás nove da mañá no Porto de Cangas. Nesta ocasión, teredes que apostar polo coche ou polo barco de Cangas, que é moi cómodo. Se colledes o das 8:30, chegades a tempo!

 

Será un roteiro lineal bastante longa (8 quilómetros en total), con saída desde o porto e pasando polo paseo marítimo de Cangas, a zona industrial de  Massó,  Liméns, Santa Marta,  Temperáns,  As Moscas,  Areamilla… ata alcanzar a praia de  Nerga. A contorna, como ben sabedes, é espectacular, as calas de escándalo e o paseo precioso. Iso si, teremos que ir preparados, porque se o sol está en todo o alto, hai que protexerse con crema solar e gorro ou  viseira. Evidentemente, roupa e calzado cómodo, que nos vai a tocar camiñar, ademais de auga e algo para comer para repoñer forzas.

 

Coñecer o litoral da península do Morrazo con todos os seus segredos escondidos non pode ser un plan máis atractivo para os nosos “ marchosos”, que volverán gozar de cada paso e de cada parada, así como dos espectaculares miradoiros, que hai por centos polo Morrazo.

 

Como sempre, lembrarvos que as marchas son gratuítas para os nosos abonados e abonadas, e que só é obrigatorio contar co seguro anual, que xa teredes no voso poder desde a primeira saída e que serve para todas as actividades que realicemos ao longo do ano no exterior. O prezo para os non socios é de 4 euros (e o seguro anual, que é obrigatorio). Iso si, lembrade que debedes inscribirvos na recepción de calquera dos nosos centros antes do venres 21.