Imos facer un turrón de escándalo e saudable!

19/12/2019

Está o Nadal ao virar a esquina e non paramos de darlle voltas aos menús destas festas, á preocupación polas calorías de máis, a esas sobremesas que nos encantan…

 

Estamos de festas e sabémolo. Nos días sinalados podémonos permitir unha sobremesa, pero escapando do industrial. Así que desde o gabinete de Nutrición e Dietética de  Máis que  Auga queremos propoñervos unha sobremesa exquisita, caseira e san. Só tes que animarte a meterte na cociña e a gozar dabondo! Ademais, a execución é moi sinxela e pódeo facer calquera, aínda que non sexas precisamente un chef.

 

Imos facer un fantástico turrón de chocolate con arroz ou  quinoa inflado e froitos secos.

 

Para iso, necesitamos os seguintes ingredientes: 2 tabletas de chocolate negro (mínimo 70%de cacao), dúas culleradas sopeiras de arroz integral inflado ou quinoa inflada, froitos secos (pistachos, noces…) arandos, pasas ou outras froitas deshidratadas.

 

A preparación non pode ser máis sinxela: Temos que romper as tabletas de chocolate en anacos pequenos, para poñelos ao baño maría ata que se funda. Pódeslle engadir  canela ou  vainilla, que lle dará un sabor moi rico. Cando o chocolate estea líquido, retíralo do lume e vas incorporando o arroz inflado ou a  quinoa. Removes ata que estea ben integrado. Despois colocas a mestura nun recipiente e na parte superior incorporar os froitos secos e os arandos ou pasas, ao teu gusto.

 

Agora só falta, deixar endurecer e listo para servir!! Sorprenderás á familia e amigos con este manxar, que non pode estar máis rico e ser máis sinxelo de facer!