Imos encher Vigo de Papa Noeles e solidariedade!

29/11/2019

Máis que Auga volve vestirse de Papa Noel para despedir o ano facendo actividade física, en familia e por unha causa solidaria. Máis non se pode pedir. Nun só evento, a San Silvestre de Vigo 2019, reúnense todos estes requisitos, polo que Máis que Auga súmase ao proxecto de forma decidida un ano máis.

 

E nesta edición da San Silvestre (31 de decembro, 17:00 horas) haberá novidades. A primeira é o cambio do circuíto, que se modificará polo Mercadillo de Inverno da Alameda, así que a saída estará situada en Policarpo Sanz. Serán 4 quilómetros de percorrido solidario, nunha carreira non competitiva na que o importante é pasalo ben e colaborar con Banco de Alimentos de Vigo. E precisamente aí é onde Máis que Auga estará presente. Imos vestir cun gorro de Papa Noel a todos os participantes da San Silvestre de Vigo que entreguen alimentos non perecedoiros para Banco de Alimentos de Vigo. O ano pasado foi de récord, con máis de 5.100 persoas rexistradas e máis de 5 toneladas de alimentos solidarios. O obxectivo deste ano é bater ese récord e conseguir máis rexistrados e máis solidariedade, nunhas datas nas que as persoas necesitadas sofren aínda máis.

 

Inscrición

A inscrición está aberta desde o 20 de novembro ata o 25 de decembro e todos os interesados poderán apuntarse na páxina web  https:// laptime.es/carreiras/ san-silvestre- vigo-2019/. É unha inscrición gratuíta. A entrega de dorsais realizarase a partir do 26 de decembro en Decathlon (Centro Comercial Meixoeiro).

 

Hai que lembrar que esta proba non é competitiva e ten como principal obxectivo despedirse o ano 2019 dunha forma divertida, cos teus amigos e familiares. Por certo, outro dos alicientes son os disfraces. Haberá premios individuais e colectivos para os mellores disfraces.

 

Máis que Auga non só colaborará coa organización achegando o seu granito de area en forma de gorros de Papa Noel, os nosos runners, como todos os anos, participarán na proba e poñerán a súa nota de cor, con disfraces “tolos”. O ano pasado participaron case 100 runners MQA e foron disfrazados de caixas de agasallo, sendo un dos máis aplaudidos. Neste anos os nosos corredores demostraron unha gran orixinalidade nos disfraces, como cando se convertiron nun belén vivente (runners de Coia) e noivas á fuga (Barreiro), que arrasaron e recibiron sendos premios.