Imos coñecer aos nosos heroes de hoxe: David, Jonathan e Guillermo

26/04/2020

 Hai uns días coñecemos a un grupo de heroínas da familia Máis que Auga e hoxe teremos a oportunidade de mostrarvos a David, Jonathan e Guillermo que son tres dos nosos heroes. Eles, cada un na súa faceta, están en primeira liña, traballando por e para nós e axudando a vencer ao COVID-19.

 

David Fernández traballa como condutor nunha ambulancia medicalizada do 061 dende a creación deste servicio e, en total, leva 34 anos conducindo ambulancias. Evidentemente a crise sanitaria que estamos a vivir lle golpea directamente, aínda que á súa ambulancia suben enfermos de todo tipo. “Nós seguimos tendo o traballo habitual, porque segue habendo de todo, ademais do COVID-19. Todo isto nos afecta sobre todo na protección que debemos utilizar para evitar  contaxios no persoal, así como, cos pacientes. Isto significa maior tempo en protección, limpeza e desinfección, atrasando máis as saídas e a operatividade, por non falar da incomodidade e malestar físico de traballar en situacións de tensión coa protección adecuada”.

 

A nivel persoal intenta levalo coa maior tranquilidade, pero recoñece que o que máis lle doe é non poder abrazar aos netos. “Estou casado, pero vivo só coa miña muller…. os fillos xa están independizados. O que máis doe é non poder ver, abrazar e esmagar aos  netos e netas, o resto da familia, amigos… Non poder ir ao ximnasio, ás clases de baile, non poder ir traballar no campo, etc….. Cambioume a vida totalmente”, conta David. Afirma non ter medo ao contaxio, pero “si respecto. Acato a orde de confinamento e intento extremar as medidas de limpeza e protección”.

 

Agradece ao máximo o cariño que reciben da sociedade,  pero non se senten protexidos pola Administración. “Estamos orgullosos de que se recoñeza o noso labor por parte da  poboación, así como NON estamos moi contentos coa Administración, xa que non se nos recoñece como persoal sanitario nas estatísticas do Goberno sobre persoal contaxiado. Só recoñecen a  médic@s e  enfermer@s, sabendo que nós somos a punta de lanza do sistema sanitario, xa que somos o primeiro intervinte cos pacientes que trasladamos”.

 

E mentres David conduce a ambulancia, Jonathan Estévez traballa no porto de Vigo dende hai 12 anos e é un dos responsables de que nos chegue peixe ás nosas casas. “Dedicámonos ao transporte de peixe fresco. Movemos mercancía nacional e internacional”, explica Jonathan, que é usuario de Navia e membro do club de tríatlon I Have a Dream.

 

A pesar de que Jony sigue traballando, a súa empresa fixo un ERTE e agora mesmo só  está  traballando a metade do persoal, que utiliza as medidas de protección habituais nestas semanas: máscaras, guantes e xel de alcohol paras as mans, materiais que antes eran pouco habituais, e agora son de primeira necesidade.

 

Nos primeiros días do confinamento apreciouse un importante descenso no volume de traballo, “polo medo”, pero pouco a pouco se foi recuperando, aínda que si se nota un descenso na lonxa de Vigo “pero nos traballamos con todos os portos de Galicia, é dicir, chéganos mercancía do Grove, Cambados, Ribeira, Burela, Boiro, Celeiro, Coruña..”

 

O noso abonado, para non contaxiar a súa familia, cando chega do traballo mete toda a roupa na lavadora e vai directamente á ducha, antes de saudar a súa muller e a filla. “Cando estamos na casa o levamos bastante ben, porque segundo salgo do traballo desconecto. Ademais a nena é moi caseira e ao vivir nunha casa con finca é máis sinxelo o confinamento. O único negativo é que a pequena bota de menos aos seus compañeiros de clase, pero polo resto, todo bastante ben”.

 

E tras coñecer a David e Jonathan, chega a quenda de Guillermo Iglesias, bombeiro e abonado do Máis que Auga de Coia, onde aposta polas clases de gran impacto (combat, body cross) e tamén usuario de Egym.

 

Guillermo traballa dende hai 28 anos no parque central de bombeiros de Teis como condutor-bombeiro operativo. Esta crise está afectando ás súas xornadas laborais: “ A xornada normal é de 24 horas consecutivas, pero coa crise do COVID-19 facemos xornadas a maiores para a desinfección de ambulatorios, perímetros de hospitais, vías públicas, etc”, explícanos o noso socio.

 

Recoñece que a medida que pasan as semanas se fai máis duro todo: “Ao principio tomalo como normal dentro da crise, adaptándonos ás medidas de seguridade e hixiene tanto dentro como fóra do parque de bombeiros, pero as normas son cada vez máis estritas e a situación se está prolongando máis tempo do esperado, polo que se está a facer máis duro para todos en xeral”.

 

Recoñece que ao vivir solo, o medo ao contaxio é moito menor, “porque non teño que estar pendente de non infectar aos outros membros da familia. Ademais, tampouco teño a certeza de non telo ou de que pasara por min sen síntomas, xa que non se están a realizar as probas pertinentes”. Os bombeiros tamén recibe o agradecemento da cidadanía: “Si, a tónica xeral que nos chega é que a xente está agradecida co labor que realizamos”, conclúe Guillermo.