IMOS DE COMPETICIÓN CON ANTONIO SERRAT, ROI RODRÍGUEZ E CHANO RODRÍGUEZ

06/06/2021

Fin de semana de moita actividade para os deportistas  Máis que  Auga. Roi Rodríguez, Antonio  Serrat e Chano Rodríguez tiñan citas importantes e todos renderon a un bo nivel, aínda que non puideron alcanzar os seus soños.

 

Antonio  Serrat, que viña de ser cuarto na dura Copa do Mundo de Arzachena,  participou na proba das Series Mundiais de Leeds, na que estaban inscritos moitos dos mellores triatletas do mundo, e todos os británicos xa que era clasificatoria para os Xogos de Tokyo. Outra das novidades foi a presenza de Javier Gómez Noya, que volvía ás Series Mundiais dous anos despois.

 

Foi unha proba tremendamente dura e esixente.  Alistair  Brownlee, que quería a súa praza para  Tokyo, tentou romper a carreira tras un rápido sector de natación, pero os favoritos, entre eles  Serrat, traballaron duro para lograr alcanzarlles na terceira volta de ciclismo. Noya abandonou na segunda volta por unha caída. Á segunda transición chegou un grupo compacto con todos os triatletas importantes, entre eles  Alarza e Antonio  Serrat. Alex  Yee atacou xa na primeira volta e por detrás, un pequeno grupo con Antonio entre eles.  Serrat aguantou neste grupiño de favoritos ata a última volta, na que cedeu uns metros para finalizar a proba nunha magnífica oitava posición, mentres que  Alarza foi cuarto. Triunfo para Alex  Yee, que garante a súa clasificación para os Xogos, e descualificación de  Alistair por conduta  antideportiva, que se despide de  Tokyo.

 

Roi Rodríguez participaba  no Campionato de Europa de piragüismo en  Poznan (Polonia). O padeeiro competía en  K-1 1.000 metros e  K-2 1.000, proba na que estreaba compañeiro (Pedro Vázquez). Chegaban a este Europeo con poucos adestramentos, aínda que foron de calidade.

 

E ao final, a falta de  traballo xuntos apreciouse. Pasaron a fase clasificatoria con facilidade, pero nas semifinais quedaron a só un posto de poder disputar a final. Na proba individual, Roi fixo unha magnífica semifinal, logrando o pase co segundo mellor tempo da súa proba, pero na final non lle saíron as cousas ben e finalizou na oitava posición.

 

E finalizamos con Chano Rodríguez, que competía no Campionato de España, que se celebrou en Lloret de Mar. O nadador paralímpico segue á busca da súa mínima para os que serían os seus sextos Xogos  Paralímpicos e outra vez quedou moi  cerquiña. O sábado participou nos 50 libres e fíxoo cun gran tempo e hoxe domingo enfrontouse á súa proba, os 200 metros, onde volveu quedar a escasas décimas da mínima. Pero Chano non se rende e volverá tentalo, mentres teña opción.