IMOS FACER O CAMIÑO FRANCÉS DESDE O CEBREIRO!

10/04/2022

Como ben sabedes, neste dobre ano Xacobeo 21/22 lanzámonos a facer o Camiño de Santiago convosco. Comezamos co Camiño Portugués, que era o que nos quedaba máis preto; despois fixemos o Inglés e agora lanzámonos a polo Francés, con saída desde O Cebreiro!! Será sen dúbida o noso reto máis ambicioso, porque son seis etapas, case 160 quilómetros e unha experiencia única. Comezaremos o 23 de abril e finalizaremos o 12 de xuño e nesta ocasión a organización realizarémola de forma conxunta coa empresa Galegría, que se dedica precisamente a organizar viaxes e excursións.

 

Como vos contamos antes serán seis etapas e a principal novidade é que as dúas primeiras realizarémolas nunha fin de semana facendo noite en Lugo (23 e 24 de abril). A primeira etapa será de O Cebreiro a Triacastela (21 quilómetros) e a segunda de Triacastela a Sarria (24,7 quilómetros). Farase noite nun hotel en Lugo con media pensión e a fin de semana tamén inclúe unha visita ao Mosteiro de Samos.

 

A partir de aí, o resto das etapas realizarémolas en domingo e cada quince días, con percorridos ao redor dos 30 quilómetros, menos a última que será de 24. Por suposto, poderedes elixir se queredes facer o Camiño ao completo ou días soltos e tamén vos queremos dicir que se preferides a opción desde Sarria, para non pasar a noite fóra, tamén vos permitirá lograr a Compostela, porque son máis de cen quilómetros.

 

Durante todo o camiño estaredes acompañados por Dani, técnico de  Máis que  Auga, ademais das dúas guías de  Galegría. Ademais, dispoñeremos o autobús en puntos estratéxicos, para darnos soporte, por se se nos fai excesivamente duro. E non esquezades que temos unha gran vantaxe: As datas! Realizaremos o Camiño nos días con máis luz e, a priori, mellor temperatura do ano para este tipo de actividades.

 

A continuación, tedes a ligazón con toda a información sobre a actividade e todas as persoas que queiran inscribirse deberán facelo a través de  Galegría Viaxes (633 075 935), tanto por chamada telefónica como por  whatssap.

Que necesitamos para facer o Camiño? Por suposto, imprescindible, calzado e roupa cómoda, protector solar se fai sol,  visera ou gorro, un  chubasqueiro por se toca choiva e algo para comer e beber para o percorrido. Pero lembrade que debedes ir co menor peso posible e sempre sabendo que temos o soporte do autobús.

 

Novo reto, nova actividade ao aire libre para facer en grupo, con amigos ou familia. Xa vos brillan os ollos? A nós si!!! Desexando empezar!