HOXE ACHEGÁMONOS ÁS PERSOAS CON SÍNDROME DE DOWN

20/02/2022

Esta semana en Máis que Auga tivemos unha charla moi interesante, dirixida ao persoal, pero que queremos compartir convosco, porque consideramos que tamén vos pode axudar no voso día a día.

 

A asociación Down Vigo é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa con persoas que teñen síndrome de Down, co obxectivo fundamental de axudarlles a ter autonomía persoal. Down Vigo dirixiuse a  Máis que  Auga para ofrecernos a posibilidade de realizar unha charla para mellorar a comunicación do persoal con este colectivo no ámbito deportivo e de lecer. A verdade é que nos nosos centros contamos con varios usuarios e usuarias que teñen Síndrome de Down e formarse e aprender sempre é positivo, así que accedemos  gustosos a esta proposta.

 

Carmen e Marta, traballadoras de Down Vigo, faláronnos da súa asociación e do labor que realiza, e explicáronnos cales son as características fundamentais das persoas con esta síndrome, que non é unha enfermidade, e a importancia de fomentar a súa autonomía.

 

Cando elas falaban dalgúns dos seus usuarios, foron saíndo nomes que actualmente son socios de  Máis que  Auga e que nos teñen gañado o corazón, como  Loira, que se pasou pola charla para contarnos as súas experiencias, Carolina ou Andrés, entre outros. Xunto a Carmen e Marta aprendemos o importante que é saber comunicarse con eles. “Debemos respectar o seu ritmo, que non é o mesmo que o noso. Faládelle acorde á súa idade, non como a nenos se son adultos, que é ao que tende moita xente. Mirádelle aos ollos, evitade metáforas ou ironías, porque non as entenden e establecede unha relación de confianza con eles”. Con estas premisas, a comunicación será mellor. Na charla, Carmen e Marta tamén nos ensinaron como actuar nunha situación de emerxencia ou pautas para realizar as actividades.

 

E chegou a quenda de Loira, que nos contou que, aínda que comezara co atletismo, agora está centrada na natación, que é o que máis lle gusta. Gústalle e dáselle moi ben, xa que Loira proclamouse campioa de España para persoas con diversidade funcional de 50 metros bolboreta en Cádiz hai uns anos e despois participou no Mundial que se celebrou en México onde foi sexta clasificada. Loira atopouse en  Máis que  Auga con Lucía, a súa técnica en natación no noso centro de Coia, da que dixo que “era bastante dura, pero creo que me vai ben. Para poder competir, primeiro teño que adestrar”, afirmou. Tamén nos  indicou que traballa na Fundación Igualarte, onde forma parte do grupo Diseñatas que lle levou a participar na creación dun mural na cidade de Vigo ou no deseño gráfico dalgúns libros.

 

Queremos deixarvos a ligazón coa páxina web de Down Vigo para que coñezades  o seu traballo e poidades ampliar a información que hoxe vos contamos, se é do voso interese.