HOXE 3 DE DECEMBRO CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

03/12/2021

Hoxe 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que ten como obxectivo fundamental promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida.

 

E é que ás veces necesitamos sentarnos nunha cadeira de rodas ou tapar os nosos ollos para comprobar que un paseo polo centro pode ser unha carreira de obstáculos, ás veces insalvable; ou ben unha proba de alto risco. A nosa vida á carreira impídenos, moitas veces, fixarnos no que nos rodea, aprender dos demais e entender que a discapacidade non é só para outros, que en calquera momento podemos atoparnos nunha situación de discapacidade temporal ou permanente. Unha caída, un accidente, unha enfermidade pode levarnos a esa discapacidade e entón quererás unha sociedade preparada para iso. E por iso loitamos. Por unha sociedade inclusiva e preparada para todas e todos.

 

Por iso, hoxe en  Máis que  Auga queremos participar neste Día Internacional das Persoas con Discapacidade, da forma que sabemos, concienciando, falando, sentindo e coñecendo.  Máis que  Auga ten máis de seiscentos socios con algún tipo de discapacidade (220 en  Coia, 196 en Barreiro e 210 en Navia) e hoxe falamos cun deles, Marcos Diéguez, para saber a importancia que ten o deporte na súa vida.

 

Marcos, de 38 anos, é socio de  Máis que  Auga  Coia desde o ano 2011, aínda que pola  COVID estivo bastante tempo sen acudir ao ximnasio. Agora volveu e ademais con ánimos renovados, xa que quere ampliar o seu adestramento. “Cando empecei ía basicamente a máquinas para  musculación, pero desde hai un mes comecei coa natación. Era algo que facía anos atrás, pero que abandonara e agora quero volver coller esa rutina. A idea é vir dous días á semana ás máquinas e dous á piscina”, explica Marcos, que naceu con espiña  bífida e de aí vén a súa discapacidade.

 

Para Marcos o deporte é fundamental, xa que lle achega en diferentes aspectos: “é importante porque é unha maneira de coidarme, pero tamén de distraer a mente, de coñecer xente, de estar con amigos…”.

 

O noso socio comezou no baloncesto en cadeira de rodas, no Amfiv. “Recordo que fun a un partido con 11 anos e vinlles como se movían, como se levantaban, o que facían… E eu quería ser como eles”. E logrouno! Xogou co Amfiv a baloncesto en cadeira de rodas, un deporte apaixonante que atrae a todo aquel que se achega a coñecelo.

 

Preguntámoslle a Marcos polas barreiras e as dificultades que se atopan para facer a vida e el explícanos que “aínda hai moitas beirarrúas estreitas, sen baixadas para as cadeiras, imposibles para nós. Avanzouse si, pero queda moito por facer” . E neste “moito por facer” somos imprescindibles todos e todas, tomando conciencia e esixindo que a cidade, as cidades, sexan adaptadas e accesibles.