“Hai moita cultura do corpo pero pouca de coidalo corpo”

01/04/2016

Natalia de Bourbón Fernández é a fisioterapeuta de Máis que Auga. Desde o pasado mes de outubro, este servizo funciona como unha clínica ao uso, para socios e tamén para xente externa, nas instalacións de Navia. Unha oferta que cada día atrae a máis persoas dada a importancia dun fisioterapeuta para aqueles que se exercitan nos nosos centros, para todos os que practican deporte, e tamén para calquera tipo de persoas en xeral.

As súas mans son a solución a multitude de problemas físicos que chegan ao seu gabinete de Navia. Natalia é viguesa e a súa vocación desde nena era a fisioterapia. Estudou a carreira na Escola Universitaria de Gimbernat, da Autónoma de Barcelona.
¿Cal é o principal problema que teñen os teus pacientes?
Sen dúbida, a dor de costas. É un problema común a todas as idades porque o corpo non está afeito para estar durante 8 horas coa mesma actividade. Dámoslle moita caña durante o día e reséntese. Afecta a todos, aínda que algo máis ás mulleres.

Moitos deciden medicarse para eliminar a dor. ¿É o recomendable?
Medicarse ás veces engana porque alivia a dor pero non a causa. Vivimos cada vez máis un modelo sanitario de parchear, medicar para solucionar temporalmente un problema. Ao fisio só se vai cando á persoa dóelle moito. A miña recomendación é que ao primeiro síntoma acúdase á nosa consulta. Entender a fisioterapia como un método preventivo. Así non terá que vir a oito ou dez sesións, e seguramente solucione o problema en dúas. Hai moita cultura do corpo pero pouca de coidar o corpo.

Cada vez hai máis persoas maiores en Máis que Auga.
Agora os nosos maiores son cada vez máis activos. Queren moverse, facer exercicios, gañar calidade de vida. Están moi concienciados de que veñen por saúde e saben que é importante para eles. E tamén valoran o labor do fisioterapeuta. Sorpréndeme a constancia dalgúns. Son un exemplo.

¿É habitual lesionarse durante a actividade física en Máis que Auga?
Aquí todo está moi tutorizado e iso evita lesións. En principio, a maioría da xente que vén aquí é potencialmente sa, pero sempre xorde algo. Coordínome cos monitores de sala ou piscina si temos pacientes comúns. É un luxo ter estas instalacións con estes servizos. Eu nado na piscina e, en xeral, encántame como se traballa e como se coida aos usuarios.

Natalia de Bourbón, durante unha sesión de masaxe

Natalia de Bourbón, durante unha sesión de masaxe


¿Nadar é tan bo como din? ¿É o deporte máis completo?
Sí, desde logo, é das mellores actividades físicas. Pero hai que matizar. Si non che gusta nadar, ou non sabes facelo ben, pode ser un problema e provocar máis danos que beneficios. Eu intento orientar ao paciente cara á modalidade que máis lle guste e proporciónolle consellos específicos. É importante que goce có que fai.

¿Por qué habitualmente doe un masaje do fisioterapeuta?
Cando o paciente chega e hai unha dor, temos que buscala. E iso provoca dor porque estamos manipulando estruturas irritadas, doloridas. É difícil non facer algo de dano. Non son masaxes relaxantes. Pero así podemos solucionar o problema.

HORARIOS

Sesións de media hora ou dunha hora | Reservas nas recepcións dos centros

  • Mañáns: de martes a venres, de 10.00 a 13.00 horas
  • Tardes: de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas (os mércores ata as 22.00 h)