Grandes e pequenos: todos podemos salvar vidas

18/03/2019

Unha hora de actividade pode salvar a vida dunha persoa. Máis que Auga organiza unha xornada de formación de primeiros auxilios en familia este venres, 22 de marzo, nas instalacións de Máis que Auga en Navia a partir das 18.30 horas. Durante a cita, pais, nais, nenos, nenas, avós e avoas, aprenderán nocións básicas de primeiros auxilos.

Os adultos aprenderán a actuar en caso de emerxencia cun lactante, neno ou maior, e os pequenos da casa asimilarán o protocolo básico a seguir ante unha situación semellante se se atopan sós cun pai, nai, avó ou avoa. Durante a actividade abordaranse maniobras básicas de actuación ante situacións coma un golpe de calor, un desmaio, atragantamento, parada cardio-respiratoria, baixada de azucre e incluso feridas, cortes ou torceduras.

Os nosos técnicos abordarán prácticas como a Reanimación Cardio Pulmonar (RCP), a manobra de Heimlich, que se emprega cando alguén se atragantou e non pode respirar, ou a posición na que se debe colocar a unha persoa se queda inconsciente para evitar que afogue ou atragante.

Ademais das manobras anteriores, os técnicos tamén ensinarán aos asistentes pautas xerais de primeiros auxilios en casos cotiás, co obxectivo de detectar que é o que lle está ocorrendo a un familiar e de actuar rapidamente. Por exemplo, no caso dun desmaio, poderase indentificar se é preciso suxeitarlle a cabeza, se non se lle debe dar auga, ou precisa que o tapen.

Tamén se repasará o protocolo de contacto co servizo de emerxencia pertinente, cunha explicación adaptada aos máis pequenos, preparándoos para posibles situacións nas que se requira unha chamada inmediata ao 112.

A actividade conta con prazas para 15 familias. A participación na mesma é gratis para abonados Máis que Auga, e ten un prezo de 3,85 euros para adultos eventuais e de 2, 55 euros para menores.

Agardámosvos este venres en Navia para aprender en familia. Que ningunha situación adversa sexa máis forte ca nós!

Podedes facer a inscrición na recepción do centro de Navia.