Graciñas polas máis de 78.000 visitas a Casagym!

17/04/2020

Levamos un mes con vídeos de adestramentos en CasaGym e hai quince días incorporamos os nosos directos dende casa e non podemos máis que darvos as grazas polo voso seguimento. Isto anímanos a seguir e a buscar outras formas de sorprendervos cada día!

 

O pasado 18 de marzo comezamos a colgar clases gravadas na web de Máis que Auga e dende o 1 de abril, coa ampliación do estado de alarma polo COVID-19, iniciamos as clases en directo todos os días. E o certo é que a vosa resposta está a ser espectacular. Xa tivemos máis de 78.000 visitas ás clases que tedes a vosa disposición para facer na casa, sendo os días con máis reproducións o 19 de marzo (máis de 8.000) e o 6 de abril (7.000). Ademais, non deixades de sorprendernos! Porque temos visitas principalmente de Vigo (89.000), como é lóxico, pero tamén de moitos puntos de Galicia (14.000), do resto de España (21.000) e de calquera parte do mundo! Así, hai conexións dende Estados Unidos, Gran Bretaña, Brasil, Francia, Suíza, Colombia…

 

Karina, xunto cos seus fillos, é unha das nosas seguidoras dende Marbella e, nestes días tan diferentes para todos, están a seguir as clases en directo en familia. “Nós intentamos facer gozar aos nenos, que de verdade están sendo uns campións”. Así, cando non poden seguir a clase en directo porque hai cousas que facer na casa, buscan os vídeos gravados e todos xuntos a facer deporte!: “Hai que seguir con esta iniciativa e moitas grazas aos profesores, que son incribles”.

 

En São Paulo contamos cunha fan incondicional. É Isabel, nai da nosa técnica Jana, que non pode desaproveitar a ocasión de ver a súa filla e facer deporte á vez. Isabel ten ben claros os beneficios de facer deporte e máis nesta situación excepcional: “Son marabillosas estas clases online! Consulto os horarios para non perderme as clases, sobre todo pola diferencia horaria. Nestes momentos de confusión, medo e ansiedade, necesitamos o movemento. Son moitos os beneficios: físico, mental e emocional”.

 

Algúns datos de interese

Dos directos, as clases da primeira semana están por riba das 1.500 reproducións, mentres que os da segunda semana levan unhas 1.000 reproducións. E queredes saber cal é nestes intres a clase con máis visitas? A de zumba de Sandra, con case 13.000 reproducións. E como nos vedes? A maior parte dos visionados son a través do móbil (case 46.000), seguido polo ordenador (22.700), a tablet (7.789) e TV (1.786).