A fisioterapia completa o servizo integral en Máis que Auga

25/03/2018

Os servizos deportivos que ofrecemos en Máis que Auga están pensados para que os nosos usuarios dispoñan dunha solución integral para a súa saúde fisica e o seu benestar.

Tanto se se trata de facer deporte e manterse en forma como de recibir coidados específicos para a recuperación funcional tras unha lesión, o noso equipo técnico ofrece unha atención profesional que podes personalizar ao teu xeito.

No servizo de fisioterapia do centro de Navia, Natalia de Bourbón é a responsable dun traballo de avaliación e tratamento decisivo para conseguir a mellora da situación dos usuarios. “Facemos un traballo interdisciplinar que funciona de xeito integral: os técnicos recomendan aos usuarios o servizo cando detectan un problema, e viceversa. Eu traballo no diagnóstico e a recuperación, que as veces inclúe a recomendación de realizar determinados exercicios baixo supervisión do noso equipo técnico”.

Incorporada desde 2015 ao servizo en Navia, a fisioterapeuta explica que o esencial no seu traballo é o diagnóstico, para poder aplicar despois algunha das moitas técnicas de tratamento coñecidas, pero sen perder de vista que non existen curas milagreiras e que o primeiro é o exercicio personalizado. O servizo atendeu durante o 2017 unha media de seis persoas ao día.

A integración do servizo de fisioterapia en Máis que Auga permite ofrecer aos usuarios un servizo de calidade pero a un prezo módico.

HORARIOS

Sesións de media hora ou dunha hora | Reservas nas recepcións dos centros

  • Mañáns: de luns a xoves de 10-13h e venres de 9 a 13h

  • Tardes: de luns a mércores de 16 a 21h e xoves de 16 a 20h.