JCDfotografia

Fin de semana intenso para os deportistas MQA

29/04/2019

Esta fin de semana as e os nosos deportistas Máis que Auga tiveron moita actividade en competicións moi importantes e con boas actuacións en liñas xerais. Celta Baloncesto, Amfiv, Antonio Serrat, Ester Navarrete, Aroa Sío… Así foi o seu fin de semana!

 

Aroa Sío. Enorme o triunfo de Aroa no Miut – Ultra de Madeira! A galega  logrou a primeira posición na categoría feminina (oitava na xeral) despois de facer 85 quilómetros, con 4.800 metros positivos nun tempo de 10:55.

 

Fotografías: JCDfotografia

Fotografía: JCDfotografia

Aroa contounos que todo foi tal e como era planificara e durante toda a proba tivo as mellores sensacións. “Dende antes de saír a correr estaba moi tranquila e estiven xenial durante toda a proba, sen pensamientos negativos, forte e con moita enerxía. Penso que tamén foi moi importante que fun protexendo a musculatura ata o quilómetro 60, porque sabía que despois era todo en baixada e correr ao máximo. E a verdade é que todo discurriu de forma perfecta!”, explicou a nosa deportista que estaba feliz despois de proclamarse vencedora na categoría feminina e oitava na xeral dun total de máis de 500 deportistas.

Agora toca gozar da vitoria e comezar a pensar na próxima proba en só quince días.

 

Antonio Serrat. O vigués disputou a Serie Mundial de Bermuda e rematou no top-20, cunha magnífica actuación. Antonio controlou a proba dende a natación, sempre no grupo cabeceiro e dando a cara en todo momento. Só perdeu algúns postos nos últimos quilómetros da carreira a pe, xa que comezou a ter molestias por  unhas bochas nos dedos do pe, o que lle impediu manter o ritmo que ía marcando. Pese a iso, moi boa actuación de Serrat, que quedou por diante de Mario Mola ou Chente Hernández.

 

Celta Baloncesto Feminino. O equipo dirixido por Cristina Cantero disputou a fase de ascenso á Liga Día, por segundo ano consecutivo. Grandísimo o mérito destas rapazas, que despois dunha campaña complicada polas lesións, lograron clasificarse para esta fase e chegar á gran final. Pero no partido decisivo, notaron a esixencia de xogar catro partidos e catro días cunha plantilla curta e non puideron gañar ao Campus Promete. Quizais a clave estivo no terceiro encontro do grupo ante o Leganés, que o Celta tiña completamente dominado e no que desperdiciu unha vantaxe amplísima para acabar perdendo. Isto significou o segundo posto do grupo e enfrontarse ao rival máis duro na loita polo ascenso. Pese a todo, grandísima tempada das nosas rapazas e espectacular o esforzo amosado nesta fase final.  Raquel Carrera foi elixida mellor xogadora da fase de ascenso.

 

Amfiv. O Iberconsa Amfiv organizou e xogou a Euroliga3 en Vigo. O obxectivo era repetir o éxito de hai dous anos, cando o club vigués logrou o título e ademais cunha organización perfecta e o pavillón ata a bandeira. Nesta oportunidade o éxito deportivo non chegou tan lonxe como se esperaba, aínda que a organización estivo de matrícula. No aspecto deportivo, o Amfiv gañou o primeiro partido e caeu por un punto no segundo ante o Izmir, e aí se lle escapou a semifinal. Con esa derrota estaba obligado a vencer ao Fenerbahce, que foi sen dúbida o mellor equipo da Euroliga. O Amfiv non puido gañar e quedou fóra das semifinais. Ao final, ocupou a quinta posición tras gañar  ao Beit Halochem. O Fenerbahce, campión.

 

E rematamos con Ester Navarrete, que o sábado logrou a vitoria, a quinta consecutiva, na HappyGoRunning, cita puntuable para o circuíto Run Run Vigo de carreiras populares que nesta edición adiantouse ao sábado por mor das eleccións xerais. Ester logrou o triunfo cun tempo de 34:40 e unha cómoda vantaxe sobre a segunda clasificada, Leticia Fernández.