Festimáis entrega 4.500 quilos a Banco de Alimentos

01/06/2019

A segunda edición do Festimáis acadou os seus obxectivos: Foi unha xornada de deporte, familia, xogos e solidariedade. Desta forma, grazas ás aportacións das e dos participantes, Banco de Alimentos recibiu 4.500 quilos de alimentos non perecedoiros.

O Festimáis comezou ás 09:30 horas coa saída das andainas e as primeiras masterclass (body pump, aquagym en familia, wodfit e ciclo indoor) ata que ás 11:30 horas chegou o momento de saber cantos alimentos se recadaran. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o encargado de entregar o cheque por valor de 4 toneladas e media ao presidente do Banco de Alimentos de Vigo, Pedro Pereira, en medio do aplauso dos asistentes.

Como estaba previsto, o tobogán acuático xigante foi un dos grandes atractivos do día, dende primeira hora, aínda que tamén hai que destacar a afluencia de público nas diferentes masterclass (principalmente en ciclo indoor e zumba), desafiando ás altas temperaturas. En total, nas actividades deportivas previstas, preto de mil persoas que apostaron pola solidariedade. E mentres os maiores facían deporte, os máis pequenos gozaban na ludoteca, ou cos monicretes Alakrán ou o pallaso Popín. E pola tarde, concerto de Uxía Lambona e a banda Molona (18:00) e para rematar a festa da espuma (19:00 horas).

De destacar o enorme traballo do noso plantel que se volcou coa realización deste gran evento, no que estiveron traballando durante meses para que todo estivese perfecto para todos os asistentes.

Grazas ao Concello de Vigo pola súa colaboración, ás empresas patrocinadoras e colaboradoras, a todas as persoas que se achegaron hoxe e nos días previos… porque entre tod@s fixéchedes posibles este reto. E dende xa, comezamos a pensar no próximo ano!

 

Fotos: Rosa González