O EXERCICIO AUMENTA EN 8 VECES A SUPERVIVENCIA EN PACIENTES COVID-19

31/03/2021

Somos coñecedores dos beneficios da práctica deportiva no noso día a día e moito máis nestes momentos complicados e por iso, encántanos compartir convosco os últimos estudos que avalan este feito demostrado. Hoxe traémosvos un novo estudo realizado por especialistas do Instituto Cardiovascular do Hospital Clínico San Carlos, que foi absolutamente concluínte: O exercicio aumenta en 8 veces a supervivencia en pacientes ingresados por COVID-19.

 

Este traballo foi levado a cabo en 520 pacientes (de idades comprendidas entre os 18 e os 70 anos) hospitalizados por COVID-19 neste hospital de Madrid, entre o 15 de febreiro e o 15 de abril de 2020.

 

Aos pacientes, ou aos seus familiares, realizóuselles unha enquisa telefónica para avaliar a súa condición física conforme á escala RAPA ( Rapid  Assessment  of  Physical  Activity  Scale) da Universidade de Washington, que mide a intensidade  aeróbica do exercicio físico, así como a fortaleza muscular e a flexibilidade.

 

Os participantes foron divididos en dous grupos, o de persoas que levaban unha vida sedentaria (57,1%) e o dos que realizaba exercicio de maneira regular dous días á semana cunha duración de polo menos trinta minutos cada día (42,9%). Os resultados foron concluíntes. O grupo que mantiña unha actividade física constante, lixeira ou moderada, presentaba un risco de mortalidade da 1,8% fronte ao 13,8% do grupo cun estilo de vida sedentario; é dicir, que as persoas que fan exercicio regularmente teñen ata oito veces máis probabilidades de supervivencia que as sedentarias.

 

O obxectivo era analizar a influencia que o nivel de actividade física podería ter na evolución da enfermidade durante a infección por COVID-19.

 

Entre os principais achados da investigación destaca que entre o grupo das persoas cun estilo de vida sedentario, comparado co grupo máis activo, había unha maior porcentaxe de fumadores (6,7% por 3,6%) e de obesos (23,6% por 16,1%), respectivamente. Nas persoas sedentarias observouse tamén unha maior taxa de insuficiencia respiratoria (53,9% por 35,9%), maior insuficiencia renal (14,5% fronte a 6,3%), de síndrome de resposta  inflamatoria e maior estancia hospitalaria.

 

O  cardiólogo do Hospital Clínico San Carlos, Ricardo Salgado, destacou que “era coñecido que manter unha actividade física de maneira regular mellora os factores habituais de risco cardiovascular, pero agora puidemos comprobar en pacientes hospitalizados con Covid-19 a transcendental influencia da práctica de exercicio físico na supervivencia ou mortalidade destes pacientes”.

 

Non vos perdades este artigo ao completo, que ten moitos datos interesantes. E xa sabedes, coidarvos moito e… facede deporte, que forma parte do voso coidado!