Atleta entrenando en gimnasio Vigo

Esther Navarrete, exemplo de constancia e paixón

03/05/2017

O apoio ao deporte adaptado e aos deportistas locais é unha aposta firme de Máis que Auga dende os nosos comezos. A atleta viguesa, Esther Navarrete, é outra das deportistas coas que temos un convenio de colaboración  para que poda prepararse físicamente: é a maneira que temos de recompensar tanto esforzo e afán de superación.

Esther Navarrete acaba de chegar da media maratón de Xixón onde obtivo resultados excelentes: o primeiro posto e marca persoal nun tempo espectacular, 1h 15’ 38”  Pero este non é o seu primeiro éxito. Ten xa moitos as súas costas, tanto a nivel local, galego e nacional. O ano pasado acadou o bronce  no Campionato de España Absoluto en 5.000 metros.

Esther Navarrete comezou a practicar atletismo na escola, con tan só 9 anos, e dende aquela nunca máis o deixou. Compaxinou estudos e paixón. Agora, case 20 anos despois, segue facendo o mesmo, só que en lugar de compaxinalo cos libros faino co seu traballo como enfermeira.

Esther ten sacrificado moitas cousas ata chegar ata aquí pero asegura que lle compensa todo o bo que o atletismo e o deporte aporta a súa vida: compañerismo, disciplina e sobre todo constancia. A atleta bota en falta máis apoio ao atletismo e sobre todo lamenta o descoñecemento que aínda existe sobre este deporte: “O atletismo non é só correr, deberían de facerse máis cousas para promocionalo”

Máis que Auga  colabora con outros deportistas locais que non nos dan máis que satisfaccións. O clube deportivo Amfiv, que acaba de proclamarse campión de baloncesto en cadeira de rodas na Challenge Cup 2017,  os paralímpicos Chano Rodríguez e Susana Rodríguez Gacio e o triatleta Antonio Serrat.