ESTER NAVARRETE, DE RÉCORD E COA MÍNIMA PARA O EUROPEO

22/04/2019

Estamos de noraboa en Máis que Auga. Ester Navarrete, unha das nosas deportistas, logrou no Campionato de España de 10.000 metros a súa mellor marca persoal e ademais a mínima para participar no Campionato de Europa.

A viguesa estaba moi contenta tras acadar ese magnífico tempo de 33:23, co que superaba en 50 segundos a súa mellor marca persoal ata ese intre. Foi no Campionato de España de 10.000 metros (tamén Trofeo Ibérico), que se celebrou en Burjassot (Valencia) a semana pasada. Ademais, Navarrete obtivo  a mínima para o Campionato de Europa, que se disputará en Londres en xullo.

Ata aquí, alegría completa. O problema xurde porque nestes intres hai sete deportistas coa mínima e só seis prazas, polo que haberá que esperar a confirmación da selección española para esta destacada cita. De entrada os catro mellores tempos logran a clasificación directa e as outras dúas prazas serán por decisión da dirección técnica da Federación Española de Atletismo, coa esixencia de ter acadada a mínima esixida. Así que haberá que esperar ata o 5 de xuño e cruzar os dedos. No que estaba da súa banda, Ester cumpriu cun tempo espectacular, polo que estaba feliz trala carreira e moi esperanzada en poder acudir á cita de Londres para medirse coas mellores atletas do continente.

Mentres, controlando os nervios, seguirá adestrando e competindo. O próximo obxectivo: A Liga Iberdrola, co seu club, o Barcelona. Ademais ten un reto por diante: Acadar a súa mellor marca persoal en 5.000 metros.

Noraboa Ester! Para Máis que Auga es un exemplo a seguir!

Foto: @alexlalovich