Este venres, masterclass de danza oriental en Máis que Auga Barreiro

12/06/2019

Este venres 14 de xuño (18:30 horas) temos unha cita con Azzizza Vagalume e a danza oriental en  Máis que Auga Barreiro. Será unha  masterclass de dúas horas de duración para coñecer este baile milenario que achega numerosos beneficios para a saúde, ademais de moita diversión.

Azzizza Vagalume, con 17 anos de experiencia,  será a profesional que ofrecerá esta clase e anima a todos, mozas e mozos, a coñecer a danza oriental. “Aqueles que veñan á  masterclass o primeiro que se van a atopar é diversión, iso é imprescindible. E despois van aprender a  disociar o teu corpo, recoñecer partes do teu corpo que normalmente están moi  bloqueadas e imos aprender a desbloquealas, tamén imos realizar algúns movementos… Pero sobre todo, nesta primeira clase, o importante é divertirse”.

Para iso, os asistentes deben vir con roupa cómoda (leggins e para arriba unha roupa un pouco axustada ou un  top, un pano) e deixarse levar sen complexos: “Desgraciadamente a xente pensa que é máis para mulleres, pero tamén é para homes e a min encantaríame que viñesen homes, porque seguro que o van pasar ben e lles vai beneficiar tamén”.

Porque a danza oriental é unha boa medicina para o corpo, e sen efectos secundarios. “Ten unha chea de beneficios. A nivel físico imos fortalecer todo o corpo, para as mulleres é moi positivo para o chan pélvico, pero non só para iso. Aprendemos a  disociar, a ter máis conciencia corporal, a camiñar ben, a mellorar a postura, a sentar ben… A nivel emocional tamén ten moitos beneficios: empezas a atoparte mellor, a aceptarte máis… É un traballo paulatino, claro, non pasa dun día para outro! E por último, a nivel fisiolóxico, é positivo para o tránsito intestinal, as dores  menstruales, as dores de costas e lumbares…”.

A paixón de  Azzizza pola danza é absoluta: “É todo para min: Cando estou ben, danza; cando estou mal, danza… Sempre, danza”. E así, cun sorriso que contaxia despedímonos de Azzizza ata o venres en  Máis que  Auga Barreiro. Aínda podedes inscribirvos na recepción de calquera dos centros. Esta actividade, incluída en Máis que un Plan,  é gratuíta para  abonad@ s de  MQA  e custará 3,75 euros para o resto.