Este sábado imos de marcha nórdica do Vixiador a Cedeira

21/01/2020

Esta tempada imos de marcha nórdica! Preparamos unha programación especial para os nosos socios que inclúe, ademais dos dous grupos de saída á semana habituais (martes e mércores desde Coia), unha ruta mensual especial, para compartir con amigos ou familia e coñecer sitios moi atractivos.

 

Comezamos este sábado 25 de xaneiro coa saída  Vixiador – Cedeira. É un percorrido circular de 11 quilómetros de dificultade media-baixa que une o parque forestal do Vixiador ata o miradoiro de Redondela, no parque forestal Coto da Aguia. Gozaremos dun fermoso percorrido, no que pasaremos por varios petróglifos, mámoas e un antigo castro sen escavar e que finaliza nun miradoiro espectacular, desde o cal se ve toda a ría de Vigo, desde Cíes a San Simón. Sitio para gozar!

 

Ao acabar (a ruta durará unhas tres horas con paradas), todas as persoas que queiran poderán gozar do merendeiro do Vixiador, para comer ou pasar a tarde en familia e amigos, xa que ese será un dos principais obxectivos destas saídas mensuais: Exercicio físico para todos en contorna natural e crear novas relacións sociais.

 

Esta actividade será gratuíta para os nosos abonados, que só deberán abonar o seguro obrigatorio. O custo desta póliza é de 10 euros e cubrirache todo o ano, ademais de que tamén servirá para o equipo de running ou outras actuacións ao aire libre. A inscrición deberá realizarse nas recepcións dos centros  Máis que Auga antes das 13:00 horas do venres. As persoas que non sexan abonadas da nosa instalación, terán que pagar os dez euros do seguro para toda a tempada, máis o custo da saída, que será de 4 euros.

 

Que é a marcha nórdica? Seguro que moitos de vós non tedes moi claro que é a marcha nórdica, aínda que case todos vimos algunha vez a persoas camiñando con bastóns. O noso técnico Daniel Domínguez cóntanolo: “a marcha nórdica consiste en andar cuns bastóns especialmente deseñados para o desenvolvemento desta actividade física, co obxectivo de optimizar o esforzo físico realizado no movemento biomecánico do noso corpo ao andar. Isto conséguese grazas á implicación do tren superior (brazos, ombreiros, costas) que se suma ás pernas e cadeira aumentando a eficacia do desprazamento, así como da velocidade. Desta forma, ademais de realizar máis quilómetros á hora que en condicións normais, fatigarémonos menos, dado que o esforzo queda máis repartido en distintos grupos musculares”.

 

Así, a marcha nórdica é apta para todo tipo de persoas, independentemente da idade, o xénero e a preparación física do practicante. Por iso, conclúe Daniel “é unha actividade física segura, natural, dinámica, eficiente e adaptable a todo o mundo, que implica a todo o corpo de forma simétrica e equilibrada”.

 

Agora só falta que a probes! Esperámoste!

 

Sábado 25 de xaneiro (10:00 horas), punto de encontro: Parque Forestal Vixiador.