ESTAMOS DE VOLTA!

25/02/2021

Non os podedes imaxinar as ganas que tiñamos de dicir isto moi alto: MÁIS QUE AUGA VOLVE ABRIR ÁS SÚAS PORTAS!  Por fin,  coa orde publicada no Diario Oficial de Galicia a primeira hora desta tarde, podemos confirmarvos que… estamos de volta! Mañá 26 de febreiro abriremos as portas dos nosos centros de Coia, Barreiro e Navia a partir das 07:00 horas (ata as 22:00 horas) e farémolo con cursos de piscina, sala e pádel, vestiarios, duchas e spa, con toda a normalidade que nos permite a situación actual (mantendo as distancias de seguridade, máxima hixiene e desinfección, máscaras e control de aforos).

 

Tal e como aparece na orde publicada no DOG, o aforo estará limitado ao 30%, algo que iremos  controlando nós a través das vosas pulseiras e carnés de acceso á instalación, como xa estabamos a facer dende a reapertura no mes de xuño.

 

O spa, vestiarios e duchas estarán á vosa disposición, pero coa limitación de aforo marcada pola Xunta (tamén do 30%). Unha vez máis, no caso dos vestiarios, pedimos a vosa colaboración para que, se podedes, evitedes utilizalos, para o que tedes ao voso dispor as taquillas situadas nas zonas comúns. O obxectivo fundamental desta petición é tratar de evitar, na medida do posible, facer quendas polas limitacións de aforo marcadas polas autoridades sanitarias. Neste regreso, poderedes desfrutar deses días que quedaron pendentes do mes de xaneiro, polo que ata o día 1 de marzo non pasaremos a cota correspondente ao vindeiro mes.

Segundo a publicación do DOGA do pasado 25 de febreiro,  O USO DA MÁSCARA É OBRIGATORIO tanto nos ALQIILERES COMO NOS CURSOS DE PÁDEL, ademais dos diferentes tránsitos polo interior do centro. Unicamente están exceptuados desta norma os xogadores de pádel federados, tendo que ter visible a licenza federativa durante o desenvolvemento do xogo, para que o noso persoal poida comprobar dita excepcionalidade en todo momento. Agradecémoslle a súa colaboración para o estrito cumprimento da norma que nos permitirá manter os centros abertos

Se tedes un curso de natación ou ides a nadar ás nosas piscinas, igual notades mañá que a auga está un pouco máis fría do normal. Dende que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciou este luns a reapertura das instalacións deportivas, iniciamos o programa de quencemento da auga, pero é posible que en algún dos vasos notedes que a temperatura está un pouco máis baixa do habitual, aínda que iso será algo que se irá equilibrando en cuestión de horas.

 

Volvemos coa mesma ilusión de sempre e as máximas medidas de seguridade, tanto para vós como para o noso plantel de traballadores/as e por iso, unha vez máis, solicitamos a vosa colaboración para cumprir as medidas de prevención da COVID-19 marcadas nas nosas instalacións. Entre todas e todos temos que derrotar a esta pandemia e iso só será posible se somos serios e rigorosos no cumprimento dos protocolos de prevención. Recordade que as e os nosos técnicos están sempre dispostos a asesorarvos e axudarvos en todo momento, se tedes algunha dúbida nos protocolos ou na forma de actuar.

 

Só faltan unhas poucas horas para que poidamos vervos de novo en Máis que Auga! E recordade… Contade con nós, porque nós contamos con vós… agora máis que nunca!