O escáner Styku, unha ferramenta de traballo para deportistas como Atenea González

13/06/2021

O escáner en tres dimensións Styku é unha magnífica ferramenta de traballo no noso adestramento, xa que permite ver a evolución do corpo no tempo. Seguramente a nosa primeira impresión ao pensar nel será relacionalo co adelgazamento e eliminación de volume. Sen dúbida é un instrumento importante neste labor e por iso utilizámolo en noso  programa Plan A, para que os usuarios poidan apreciar de forma real e visual os cambios no seu corpo. Pero esta non é a única faceta do  Styku. Este  escaner tamén é moi útil no traballo con profesionais do deporte, xa que permite ver como está o corpo; se existen descompensacións, poder solucionalas e ver a evolución no tempo.

 

A nosa técnica de sala en  Coia Atenea González comezou a utilizar o  Styku na súa paixón: Bikini Fitness. É unha modalidade do  físicoculturismo, dirixida ás mulleres e nas que se traballa o corpo, a alimentación e o estado físico. Atenea é unha persoa que practicou deporte toda a súa vida. “Durante quince anos fixen  kárate, pero, por unha lesión, tiven que parar e realizar unha readaptación. Empecei a traballar no ximnasio a forza e pesas e atopei un reto de superación para min”, explicounos. E así comezou a súa relación co Bikini Fitness. “Eu levo toda a vida competindo, necesito este tipo de retos. Comecei nisto fai aproximadamente tres anos. Vin que este deporte era o máis completo, porque non só é a actividade física, é o traballo a nivel psicolóxico, a nivel de alimentación… Pareceume o ideal para min, que me van os retos”. Estivo case un ano dándolle voltas porque sabía que, se se metía, ía ser a fondo e hai pouco máis de dous anos deu o paso. Meteuse de cheo e só un par de meses despois xa estaba a competir en Estoril. E desde aí, traballo intenso e moitas competicións, a próxima será o Olimpia  Amateur Portugal en Estoril (16 de xullo).

 

Nestes momentos Atenea está a participar nas competicións  amateur e o seu obxectivo é conseguir a PRO-CARD para participar no Olimpia a nivel profesional. Para iso hai que seguir traballando e mellorando, e Atenea vai polo bo camiño, xa que non se baixa do podio nas súas competicións.

 

Hai unhas semanas, Atenea probou por primeira vez o Styku e quedou marabillada da información que achega este escáner. “O meu deporte é estético e o  styku permíteme coñecer a miña masa muscular, a porcentaxe graxa e as medidas cunha exactitude que, en ningún caso, podería conseguir coa  bioimpedancia. Así podo coñecer aquilo que debo traballar, se existe algunha descompensación e ver a miña evolución no tempo”.

 

Como funciona o  Styku? O aspecto é similar ao dunha báscula normal, cunha cámara enfronte. Así realizamos un escaneo do corpo en 3D. En só 35 segundos,  Styku extrae millóns de medicións dunha precisión de 2 milímetros e reconstrúe o corpo en 3D. Lembrade que este escáner está á vosa disposición en  Máis que  Auga Navia e se necesitades máis información, non dubidedes en preguntar na recepción ou aos nosos técnicos/as.