EN SETEMBRO VOLVEMOS AO CAMIÑO: AGORA ATA FISTERRA!

18/08/2022

Prometémosvolo e cumprimos a nosa palabra. Coincidindo co dobre Ano Xacobeo, en Máis que Auga animámonos a facer o Camiño e a esta aventura fóronse sumando numerosos integrantes da familia MQA. Empezamos en 2021 co Camiño Portugués e despois o Inglés, pero sempre queremos máis. Así, este ano fixemos o Camiño Francés e nesas longas xornadas xurdiu a idea de realizar o último Camiño, completar a nosa aventura e chegar ata o fin do mundo e iso imos facer! Os dous últimos domingos de setembro e a primeira fin de semana de outubro faremos o camiño desde Santiago a Fisterra! Serán en total 90 quilómetros que repartiremos en catro etapas e nas que estaremos acompañados por técnicos de Máis que Auga e os nosos amigos de Galegría Viaxes, que xa son parte desta aventura.

 

Sairemos o día 18 de setembro desde Santiago de Compostela con dirección a Ponte Maceira, para finalizar en Negreira, despois de facer 21 quilómetros. O 25 de setembro faremos a segunda etapa, dun total de 33 quilómetros, entre Negreira e Olveiroa, a máis longa de todas. Para a primeira fin de semana de outubro, teremos dous días de camiñada e faremos noite en Cee, gozaremos do atardecer e do día xuntos. Na terceira etapa (1 de outubro) faremos iremos de Olveiroa ata Cee (20 quilómetros) e gozaremos tanto da paisaxe de interior como de costa. Finalizaremos o domingo 2 de outubro coa última sesión de 15 quilómetros para chegar ata Fisterra, onde remataremos a xornada no seu faro, un sitio máxico, o final do Camiño, o final do mundo.

 

As inscricións xa están abertas e todas as persoas interesadas poden reservar a súa praza enviando unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono +34 633 07 59 35. Como sempre, o prezo inclúe o desprazamento en autobús ata o inicio de etapa e regreso, así como a súa asistencia durante a actividade (autobús escoba); e por suposto, o seguro de asistencia en viaxe e a credencial do peregrino. Emprendemos unha nova aventura dentro do noso programa de actividades na natureza #OutExperience!