EN NOVEMBRO, CHEGAN OS ROTEIROS DE OUTONO!

28/10/2023

Os días 11 e 12 de novembro celebraranse os Roteiros de Outono, que nos levarán por O Courel e Las Medulas en dúas xornadas inesquecibles. Unha vez máis, estaremos acompañados polas nosas amigas de Galegría Viaxes, coas que xa realizamos os camiños de Santiago ou os Roteiros de Primavera, hai uns meses e nas que atopamos o tándem perfecto.

 

Queredes coñecer o noso planazo? Imos! O sábado 11 sairemos de Vigo á primeira hora da mañá (a partir das 7:00 horas desde MQA Navia e faremos recollidas en Praza de América, Praza de España e discoteca Queen en Mos). A nosa primeira parada obrigatoria será en Quiroga para tomar un bo almorzo e prepararnos para facer dous dos roteiros máis incribles no Courel, neste parque natural declarado Xeoparque pola UNESCO.

 

Así, visitaremos o Val das Mouras, un sitio de conto que non parece típico da nosa Galicia. Está cheo de grutas cársticas, castiñeiros milenarios e vexetación que parece estar ancorado no tempo desde hai miles de anos. Será un pequeno roteiro duns 40 minutos de duración.

 

A continuación, visitaremos a poboación de Seoane do Courel, onde repoñeremos forzas e prepararemos os nosos bocadillos para o prato forte do día: A visita ao bosque por excelencia de Galicia, a Devesa da Rogueira. Será un percorrido de 8 quilómetros con 200 metros de desnivel, que comezaremos sobre as 13:00 horas, polo que faremos unha parada para comer de bocata en plena natureza, gozando do aire máis limpo e as vistas máis puras de Galicia.  E é que parece que este bosque non sufriu as desfeitas do paso da civilización. Nos seus máis de 400 hectáreas, temos desde teixos e faias, ata unha infinidade de caducifolias nas ladeiras que descenden cara aos prados de montaña de Moreda. Bidueiras, serbais, abeleiras ou castiñeiros sucédense e entrecrúzanse nun terreo que se converteu nos últimos anos en zona de paso do oso pardo, un feito que demostra o bo estado de conservación do bosque. Será unhas tres horas de duración, sen máis dificultade que o terreo húmido e algunha pequena pendente.

 

E con esa maxia, regresaremos a Folgoso do Courel para reabastecernos e tomar dirección cara a Ponferrada, para pasar a noite nun hotel do centro histórico, onde nos espera a cea e o descanso obrigatorio, para a incrible xornada que nos espera ao día seguinte.

 

Tras o almorzo, dirixirémonos á maior mina de ouro romana da península, Las Medulas, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Nesta contorna alaranxada faremos un percorrido de aproximadamente 6 quilómetros e dificultade baixa, polas cavidades e formacións desa cor ouro que nos deixaron os antigos romanos. Ademais, en pleno outono, os castiñeiros farán aínda máis bonito o noso percorrido, se é posible.

 

E despois desta visita, tamén chea de encanto e fascinación, toca comezar o camiño de regreso, pero claro, faremos unha parada para comer todos xuntos e con tempo para estirar as pernas, antes de volver subirnos ao bus e continuar a viaxe de regreso a casa.

 

Agora fáltavos coñecer os prezos. Por todo o pack (desprazamentos, hotel con pensión completa, guía e seguro de asistencia en viaxe) o custo será de 175 euros en cuarto dobre e 200 en cuarto individual. Iso si, os socios MQA que teña o pack OutExperience contratado terán un desconto de 25 € e tamén gozarán dese desconto os antigos viajantes do Camiño Francés, Fisterra ou os Roteiros de Primaveira. Podes inscribirte en calquera dos nosos centros Máis que Auga.

 

*(Descontos non acumulables)