EN MQA BARREIRO TES HBX BOXING PARA GOZAR E LIBERAR ESTRÉS

11/02/2022

HBX Boxing é unha desas actividades de  Máis que Auga Barreiro que non pasan desapercibidas. Se pasas polo  box, atráeche, porque sen dúbida as e os participantes transmiten a súa enerxía e o seu goce. Así que nos coamos na clase de  HBX  Boxing para coñecela por dentro e poder contalo.

 

Comezamos por falar co técnico Pablo Barciela, para que nos explique en que consiste a actividade: “É un adestramento integral de todo o corpo e unha actividade perfecta para descargar o estrés do día. É chegar, poñer as  luvas, soar a música, e comezar a gozar e liberar tensión”, afirma, e a verdade é que iso é o que apreciamos ao velos golpear o saco.

 

E que ninguén pense que é unha clase só para persoas cunha gran condición física, porque non é así. Hai unha enorme variedade nas idades, desde xente moi nova a persoas de entre 40 e 50 anos e con participantes de ambos os xéneros.  E cales son os beneficios de HBX  Boxing? Moitos, así que imos enumerar algúns:  Mellora do sistema cardiovascular, da coordinación e o equilibrio, perda de peso, aumenta a forza muscular, liberación de estrés, mellora a calidade do soño… Que esperas para probalo? Esta actividade está incluída no teu abono e tes unha gran variedade de días e horarios (luns ás 10:30 e 20:15; martes ás 20:15; mércores, 19:15; e xoves, ás 20:45 horas).

 

E despois de falar con Pablo, quixemos coñecer as opinións dalgunhas das nosas usuarias. Sandra, de 42 anos, explicounos que era unha das súas actividades favoritas e resumíao en dúas frases: “Unha das cousas que me gusta é que utilizas todos os músculos do teu corpo e, sobre todo, que se libera moito estrés”, afirmou. Ela comezou no ximnasio despois do primeiro confinamento, “moito tempo encerrada” e agora goza ao máximo de  Máis que Auga, xa que ademais de  HBX tamén vai ás clases de  gluteboom,  pyro, invicto e  power, ademais de pasarse pola sala cando pode.

 

Alba tamén goza ao máximo de  HBX, na súa clase dos mércores (19:15 horas): “É unha clase que conleva un esforzo físico grande e ao finalizala síntome liberada, desafógome”. Alba, de 28 anos, ía a unha clase similar fóra de  Máis que Auga, aínda que tamén era socia da nosa instalación.  Así que cando chegou  HBX a Barreiro, probouna e xa quedou.

 

E finalizamos a nosa  mini enquisa con Loli, quen vai catro veces á semana a  HBX, e “porque non me dá tempo a máis”, chancea. Da actividade destaca que “é bastante rápida, fas moito  cardio, traballas a forza, a coreografía é moi fácil e é unha actividade esixente, notas que fas exercicio e  desestresas unha chea, ao pegarlle ao saco. Ademais, é moi divertida, entretida”. Loli, de 53 anos, é fiel a  HBX porque desde que chegou a Barreiro en 2019, non a perde, aínda que tamén fai  wodfit,  bike  e traballo de pesas en sala.