EN MÁIS QUE AUGA VESTÍMONOS DE ROSA

20/10/2021

O 19 de outubro celébrase o Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, efeméride creada por iniciativa da Organización Mundial da Saúde co obxectivo prioritario de concienciar sobre a importancia da prevención. A detección precoz é fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia, nun tipo de cancro que 1 de cada 8 mulleres terá ao longo da súa vida.

 

Non é algo ao que podamos permanecer alleos. Todas e todos temos algunha amiga ou familiar que sufriu ou sofre esta enfermidade e por iso hai que insistir na importancia de realizarse probas diagnósticas de forma periódica, así como unha autoavaliación dos seos.

 

Neste día no que todas e todos vestimos de rosa, en  Máis que  Auga quixemos coñecer a algunha das nosas valentes guerreiras nesta loita contra o cancro de mama e falamos con Loli, unha socia de  Máis que  Auga Navia que foi diagnosticada en febreiro de 2017. No seu caso, Loli estaba concienciada sobre a prevención, “xa que tiña o caso de varias amigas que o pasaban, así que en xuño de 2016, uns meses antes de cumprir os 50, fixéronme unha mamografía”. Neste caso, non se detectou nada, pero en febreiro de 2017 ela apreciou algo estraño no seu seo e acudiu ao médico: “Notei que a mamila se  retraía e fixéronme unha  biopsia que confirmou o diagnóstico”. Foi operada en abril e tivéronlle que facer unha  mastectomía total e extirpar varios  ganglios que estaban afectados. O proceso de recuperación está a ser longo, aínda que foi dando pasos moi importantes. Tras a operación, chegou a quimioterapia e a radio, colocáronlle un  expansor  mamario e no 2019, finalmente a prótese  mamaria.

 

Loli é unha persoa de gran vitalidade e transmítecho na súa forma de falar, de explicar cada paso e as dificultades polas que pasou sen unha queixa. Agora a súa principal “loita” é co  linfedema (hinchazón que se produce ao  obstruirse o sistema  linfático e que é provocado pola extirpación dos  ganglios) que ten no brazo, así que está en tratamento como masaxes  linfáticos para tentar baixar a  hinchazón.

 

E desde hai uns meses regresou a  Máis que  Auga. “Eu era bastante deportista, xogaba ao tenis, pádel… Por agora non me atrevo a iso, pero si que volvín a  Máis que  Auga, case por imposición da familia, que non paraba de animarme”, chancea Loli. Empezou con moitas ganas xa que tenta ir todos os días a unha ou dúas clases pola mañá e moitas veces tamén pola tarde: “Vou a  mobility,  seniors,  gluteboom,  zenyo…, ademais de algo nas máquinas”, cóntanos Loli quen recoñece que “aínda que me custou volver, o deporte sempre é positivo, en todos os sentidos, para recuperarte, para atoparte mellor tanto no aspecto físico como  anímico….”. O seu marido tamén a acompaña, polas tardes, e novamente, o deporte forma parte da súa vida.

 

E non podemos despedirnos de Loli nin de vós, sen lembrar que segundo os datos da OMS,  1 de cada 8 mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida, polo que é fundamental  e realizar unha avaliación regularmente dos seos. Así precisamente foi como Loli detectou o seu e por iso non hai que baixar a garda.