EN MÁIS QUE AUGA SOMOS DE FERRO!

12/11/2022

Como xa sabedes o día 1 de novembro comezamos nos nosos centros Máis que Auga o reto Ironman. Propuxemos aos nosos socios facer un Ironman ao longo do mes, repartindo as distancias como quixesen, pero co obxectivo final de realizar os 3.900 metros de natación, 180 quilómetros de bicicleta e 42,2 quilómetros de carreira.

 

E despois dos primeiros días de reto só podemos dicir que a resposta está a ser excepcional, sobre todo en Coia onde contan con case 80 participantes! O noso técnico Javi Vázquez destacou o magnífico ambiente que hai: “Entre eles pícanse para ver quen leva máis quilómetros realizados. Aínda que lles insistimos en que non é unha competición, a todos nos gusta gañar”, chancea Javi.

 

Como acaba de explicar Javi, non é unha competición entre as e os usuarios, senón un reto persoal. O obxectivo é cumprimentar as tres distancias do Ironman durante o mes de novembro e aqueles que o consigan recibirán un premio. Tamén haberá obsequios para aquelas persoas que finalizase un ou dous dos sectores (natación, bicicleta e carreira a pé).

 

A pesar de que xa pasaron varios días desde o inicio do reto, se te queres sumar ao mesmo, aínda estás a tempo, pero, iso si, terás menos tempo para finalizar a proba. Se estás interesado, non dubides en consultar con calquera dos nosos técnicos/as (tanto de sala como de natación). Eles explicaranche o funcionamento da proba. Non imos controlar as marcas, porque como vos indicamos non é unha competición. Teredes liberdade para decidir se queredes facer a proba ao estilo clásico (primeiro natación, despois bici e carreira a pé para finalizar) ou ben ir intercambiando modalidades. Ao finalizar cada sesión, debedes contactar co técnico/a, que irá tomando nota das cifras que vaias sumando día a día.

 

Es un home/muller de ferro? Imos descubrilo!