EN MÁIS QUE AUGA NAVIA ESTREAMOS NOVA SALA PARA ACTIVIDADES EN SECO

07/10/2023

En Máis que Auga Navia esta semana estamos de estrea! Despois duns meses de obras, temos nova sala para actividades suaves, o que nos permitirá ampliar o número de clases á semana e aumentar sesións aí onde había máis solicitudes.

 

Así o luns 2 de outubro comezamos a utilizar a nova sala 6, que está situada na antiga zona da xogoteca, no primeiro piso. Houbo que facer algúns cambios para adaptar a sala aos novos usos que vai ter. Foi necesario derrubar algunhas paredes, eliminar uns baños, cambiar chans, pintar e preparalo todo para crear un espazo novo de algo máis de 110 metros cadrados para a práctica deportiva.

 

De entrada, o que está claro é que este novo espazo será para actividades suaves e que abrir esta sala permitiranos aumentar o número de clases naquelas actividades nas que temos unha maior demanda. Este mes, arrincamos con 25 clases na nova estancia, que esperamos que vos encante igual que a nós.

 

En principio, trasladaranse para esta nova localización as clases de ioga, hipopresivos, mantemento sénior ou mobilidade. Como sempre, iremos vendo como avanzan as cousas e se é necesario realizar novos cambios, para que o funcionamento sexa o máis idóneo para todas e todos.