EN DECEMBRO, A NOSA CLASE DE MARCHA NÓRDICA ÉNCHESE DE LUZ!  

06/12/2022

No mes de decembro o espírito do Nadal trasladouse ata a nosa clase de marcha nórdica e ameaza con quedar ata que finalicen as festas!

 

Co aceso das luces de Nadal en Vigo, o noso técnico Dani Domínguez decidiu que era o momento de vestirse de vermello e cambiar os roteiros. Dende hai un par de semanas, o noso grupo de marcha nórdica modificou os seus tradicionais percorridos por Bouzas, Samil, Castrelos, o Castro… para facer un percorrido máis urbano e sobre todo máis do Nadal.

 

Porque non pensedes que a iluminación só está nas rúas de Vigo, os nosos “marchadores/as” tamén levan os seus bastóns iluminados con luces led e non descartedes que nuns días chegue o gorro de Papá Noel.

 

Así, o punto de encontro segue sendo o centro MQA de Coia e de alí parten cara a diferentes zonas do centro de Vigo. Xa estiveron por Príncipe e a Praza de Compostela (aí deixámosvos fotos) e seguirán visitando outras zonas (Travesas, a senda verde de Vialia, ou o que vaian suxerindo os nosos socios/as).

 

 

A clase de marcha nórdica de MQA Coia celébrase os mércores a partir das 18:30 horas e é unha actividade incluída no abono. Iso si, para poder realizala é obrigatorio o seguro anual de actividades ao aire libre, que ten unha vixencia dun ano e un prezo de 10 euros. Este seguro cubrirache en todas as actividades que realices no exterior (running, marchas…)  e só terás que pagalo unha vez ao ano.

 

Algún ou algunha vos preguntaredes, que é a marcha nórdica? Seguro que si vistes a persoas camiñando con bastóns, pero igual non coñecedes os beneficios de practicar marcha nórdica: “Optimizas o esforzo físico realizado no movemento biomecánico do noso corpo ao andar. Conséguese grazas á implicación do tren superior (brazos, ombreiros, costas), que se suma ao tren inferior, aumentando a eficacia e velocidade do desprazamento. Así, ademais de realizar máis quilómetros, fatigarémonos menos”, cóntanos o noso técnico Dani.

 

A marcha nórdica é unha actividade apta para todo tipo de persoas, independentemente da idade, o xénero e a preparación física do practicante. E no noso grupo MQA, podémosvos asegurar que o bo ambiente está garantido, polo que se te queres animar a probar  agora que nos imos a ver as luces de Nadal de Vigo, non dubides en preguntar na recepción e alí indicaranche os pasos para dar!

 

Ademais do aspecto lúdico e deportivo, a algúns dos nosos usuarios/as tamén lles gusta a competición. Desta forma, este ano algúns compoñentes do grupo participaron no campionato de España de marcha nórdica, que se celebrou en Pontevedra e para eles foi unha experiencia incrible. Así que para o 23 sumarémonos á Copa Galega de Clubs como Máis que Auga, e todos aqueles a os que lles motive competir, pode ter aquí un aliciente extra.