EN CLASE DE OUTEXPERIENCE JUNIOR CON ALBA E LUCÍA

09/10/2022

Comezaron as clases de OutExperience para nenos/as e decidimos sumarnos a esta primeira clase para vivila desde dentro xunto a Lucía (de 9 anos) e Alba (11). Elas son irmás, desas ás que lles encanta facer cousas xuntas e chegaron ao Máis que Auga de Coia con ganas de gozar ao máximo desta nova actividade. Ademais, tivemos moita sorte e o mércores presentóusenos unha tarde preciosa para poder xogar na zona axardinada do barrio de Coia. Alí fomos, co técnico Dani Domínguez, o noso especialista en OutExperience.

 

Para esta primeira sesión, que dedicamos a Xogos, Dani tiña preparado, entre outras sorpresas, un tres en raia diferente. Iso si, como sempre se debe facer, comezamos co quecemento e para iso, tivemos que buscar cinco tipos de follas diferentes en dous minutos. Un dos obxectivos desta actividade é o coñecemento do medioambiente, así que esta semana comezamos coas árbores e a verdade é que en outubro, coas follas douradas, fixémonos cun conxunto precioso de follas que Alba e Lucía levaron para casa.

 

E despois, chegou o momento do tres en raia, no que, obrigatoriamente tiñamos que ter a cabeza esperta e as pernas rápidas, porque había que botar unha carreira para coller cada un das “fichas”. Pero claro, houbo máis. Xogos con aros, percorridos con pelota, pelexas con churros… Moitos xogos si, pero todos con obxectivos marcados polo técnico: traballar a coordinación, a psicomotricidade… E o máis importante de todo, gozar con outros nenos e nenas, relacionarse e facer amizades.

Cando a clase estaba a chegar ao seu fin, tanto Lucía como Alba estaban cansadas e felices. Novamente tocounos volver estirar, a coñecer músculos que non sabiamos que tiñamos e de volta a Máis que Auga para pasar pola ducha despois dunha hora de xogos e carreiras.

 

Como xa vos contamos OutExperience Kids e Júnior é unha actividade multideportiva orientada ao respecto pola natureza e o coñecemento do medioambiente, que se presenta en forma de curso, cunha sesión dunha hora á semana, que se celebrará todos os mércores. Os kids (de 5 a 8 anos) terán a súa sesión ás 16:15 horas, mentres que os júnior (de 9 a 14 anos) comezarán unha hora máis tarde. A actividade realizarase nos arredores de MQA Coia e a saída terá sempre lugar desde o propio centro. O curso divídese en catro bloques temáticos: Xogos; natureza e orientación; atletismo e forza/coordinación. Ademais, o último mércores de cada mes, os papás e mamás poderán vir a esa clase e ser un máis. Podémosvos asegurar que volo pasaredes bomba e acabaredes moi cansos e felices!