ELVIRA PUIME: “SON A AVOA DO GRUPO DE FITNESS BALLET, PERO TAMÉN SON A ÚNICA QUE FAI O SPAGAT”

20/07/2023

Nesta época do ano son habituais as despedidas, xa que a tempada finalizou e chegan as vacacións ata setembro. Se hai uns días falabamos do grupo de marcha nórdica, hoxe metémonos na sala en `relevé´  para coñecer o grupo de Fitness Ballet de Navia, que tamén finalizou o seu curso e fíxoo cunha festa, na que non faltaron disfraces, risas e un pouco de nostalxia, porque xa están a desexar regresar. A nosa técnica Débora Lima fala con devoción das súas mozas: “Despedímonos cunha clase a ritmo dos anos 70 e 80, que foi moi divertida. Estas mozas de Fitness Ballet son demasiadamente divertidas, sempre o pasamos pipa….”.

 

É un grupo moi variado, aínda que este ano si que son todo mulleres, a pesar de ser unha actividade aberta e beneficiosa para ambos os xéneros. As mozas de Débora teñen entre 20 e 62 anos: “Teño avoas, mamás, mozas solteiras, unha moza con síndrome de Down… E todas encaixan á perfección”.

 

E niso coincide Elvira Puime, a “avoa” do grupo cos seus 62 anos, pero cun espírito e unha forma que moitas envexamos. “Son a avoa, pero tamén son a única que fai o `spagat´ xunto a Débora”, dinos pícara.

 

Elvira é socia de Máis que Auga case desde o inicio e estivo nas tres instalacións, acudindo a Navia desde a súa apertura, xa que é o centro que queda máis preto da súa casa. Á nosa socia encántalle o deporte e proba diso é que ademais de piscina, zumba e acudir ao spa, tamén ten contratadas as clases de ioga, pilates, pilates reformer e fitness ballet, pero “de todas, sen dubidalo, a miña preferida é o ballet. Eu ía a clase de baile fóra de Máis que Auga e cando me decatei da existencia desta clase, decidín probar e estou encantada, tanto coa actividade, como coa profesora e co grupo que temos”.

 

Así nos conta que, cando Débora queda de vacacións, mesmo piden a sala ao centro para reunirse elas e practicar e xa pediron ampliar a clase de 45 minutos a 60, porque “se nos quedaba curta e agora dixémoslle a Débora que preguntase se podía ser de 90 minutos para o ano que vén”.

 

Destaca Elvira os beneficios de Ballet Finess, “trabállase a coordinación, o equilibrio, a postura, a flexibilidade, a elasticidade… Moitísimas cousas que a xente nin se imaxina”. E a pesar de todas as bondades da clase, para ela o mellor é o grupo: “Hai xente de todas as idades, unha moza con síndrome de Down que vén coa súa irmá… Levámonos fenomenal entre nós e coa profesora, e sempre estamos de risas. Hai moito compañeirismo e, por suposto, celebramos todos os aniversarios, iso xa é unha norma pactada”. De Débora destaca a súa profesionalidade e insiste no importante que é iso, xa que “hai que saber facer os movementos da forma correcta, senón podes lesionarte e nótase que Débora ten a formación adecuada”.

 

Así, Elvira xa está a desexar coñecer os plans de Débora para o próximo curso, pero teremos que esperar unhas semaniñas antes de volver ver ás nosas bailarinas en Máis que Auga.