Dúas finais para Chano Rodríguez no Mundial de Natación Paralímpica

11/09/2019

Magníficas as noticias que nos chegan de Chano Rodríguez dende Londres, onde se está a disputar o Mundial de Natación Paralímpica. O noso deportista superou o obxectivo marcado para esta competición, xa que o que buscaba era meterse na final de 200 metros libres, aínda que tamén se ía presentar nas probas de 50 e 100 metros libres. E ata agora, con dúas probas disputadas, dúas finais acadadas. Máis non se pode pedir.

O luns participou na proba de 50 metros libres e logrou meterse na final, onde foi o oitavo clasificado. Un magnífico premio para o vigués. E onte foi a proba reina, a que preparara con máis afán co obxectivo de meterse na final. Logrouno e ademais foi sexto clasificado na final e cun bo tempo.

Por todo iso, Chano teno moi claro: “O obxectivo era meternos nunha final e xa o fixemos en dúas, así que obxectivo dobre cumprido, polo que moi contento”.

Agora queda esperar  a proba de 100 metros libres que se disputará o domingo , e ao mellor, tamén compite na proba de quendas de 4×50, pero iso depende do seleccionador, que aínda non anunciou a composición do equipo español.

Está claro que este Mundial está a ser diferente. Houbo un cambio na catalogación de categorías e agora na categoría de Chano hai xente moi rápida. A esta complicación hai que sumarlle a xente nova que ven por detrás e os anos, que no caso de Chano, parece que non pesan, a pesares de ter xa uns escondidos 62. E detrás do Mundial a clasificación para Tokio, que se irá pechando nos próximos meses, unha vez se anuncien as prazas que ten cada país. A partir de aí, comezará unha nova loita para competir nos Xogos de Tokio, e cumprir un soño máis para Chano Rodríguez.