I Have a Dream, un club de grandes e pequenos soños

08/12/2019

Todos temos soños e I  have a  dream naceu precisamente dun. Este club, patrocinado por  Máis que Auga, xurdiu hai dous anos case sen querer, uníndose usuarios e técnicos dos nosos centros, que empezaron a competir xuntos en travesías, comezaron a falar, ilusionarse… E así xurdiu o club I  have a  dream.

No seu inicio era un club de tríatlon, pero o ano pasado abrindo a sección de taekwondo e agora xa están a pensar en crear a de natación máster.

O presidente, Alex Brea, explícanos que neste club teñen cabida todas aquelas persoas que “queiran practicar deporte en grupo, competir, gozar, pasalo ben, romper pequenos retos persoais… “. Así naceu I  have a  dream e nestes dous anos foron moitos os retos que foron superando, o que lles permite seguir soñando con máis.

Na sección de tríatlon contan actualmente con 20 licenzas e o obxectivo é seguir crecendo. Como xa fixeron o ano pasado, van competir no circuíto galego de tríatlon e teñen o obxectivo de presentarse ao Campionato Galego por equipos en Vilagarcía con dous equipos (masculino e feminino). O obxectivo deste ano é sumar a máis mulleres ao equipo, polo que Alex Brea animou a aquelas deportistas que busquen novos retos a coñecerlles.

Taekwondo foi a segunda sección do club e creceu rapidamente. Actualmente contan con 62 licenzas e fai moi pouco participaron na Copa Deputación en Covelo, no que foi unha gran experiencia.

Alex Brea convida a todos aqueles que teñan pequenos soños por cumprir a solicitar información no club e a sumarse a un grupo de soñadores, con ganas de pasalo ben e gozar do deporte e dos amigos. Podedes solicitar información no correo electrónico clubmaisqueaugaihd@gmail.com