DÚAS RUNNERS MÁIS QUE AUGA, NO PODIO DA V CARREIRA CALVARIO 5X5

28/02/2023

Nova proba do Circuíto Run Run Vigo. Este domingo 26 de febreiro celebrouse a V Carreira Calvario 5×5, unha proba con máis de 650 participantes nas súas diferentes modalidades (adultos 10 e 5 quilómetros e nenos). Entre eles, por suposto, o noso equipo de runners Máis que Auga, que se presentou con 21 unidades e que, como sempre, gozou ao máximo da experiencia e logrou subir ao podio en dúas ocasións.

 

Noemí Álvarez volveu destacar na categoría absoluta feminina. A runner MQA, que está a ter moi bo inicio de tempada, foi terceira clasificada cun tempo de 41 minutos e 20 segundos, resultando vencedora Andrea Iglesias (igual que na Subida ao Castro). Ademais, a nosa Rosa Álvarez foi segunda clasificada na categoría F-5, por detrás Carmen Costas.

 

E se bo é gañar, o mellor é a ilusión e as ganas que transmiten o noso equipo de running, que xa está a pensar na próxima proba do circuíto Run Run. Será o 19 de marzo os 10 KM de Teis, e novamente alí estaremos dispostos a loitar e divertirnos a partes iguais.

 

Máis que Auga, colaborador

 

A V Carreira Calvario 5×5 foi tamén especial para Máis que Auga, xa que nesta ocasión colaborou coa organización dunha proba que promociona o deporte en todas as idades. Desta forma, o venres as e os participantes podían recoller os seus dorsais nas nosas instalacións e o día da carreira podían cambiarse e ducharse en MQA Barreiro.

 

Ademais, os corredores que finalizasen a proba na posición 200, 400, 600 tiñan matrícula e dous meses de gym fratis en MQA Barreiro. E por último, sinalar que todos os participantes na proba terán, ata o día 6 de marzo, matrícula gratis en calquera dos nosos centros.