DOUS DIPLOMAS OLÍMPICOS PARA CHANO RODRÍGUEZ NOS SEUS SEXTOS XOGOS

05/09/2021

Finalizaron os sextos Xogos  Paralímpicos para o noso deportista Chano Rodríguez e o balance non pode ser máis positivo. En  Tokyo Chano logrou meterse en dúas finais e conseguir así dous diplomas olímpicos.

 

Estes son os sextos Xogos de Chano e a clasificación para os mesmos foi, sen dúbida, a máis complicada. Chegou no último intento, despois de estar en varias probas a só un par de décimas, e na última proba logrou a mínima exacta.

 

E despois de tanto sufrimento, Chano logrou relaxarse e gozar. E así chegaron os mellores resultados. Comezou a súa participación en Tokyo nos 200 metros libres e primeiro éxito. O vigués de adopción meteuse na final co mellor tempo da tempada, e na final volveu rebaixar ese tempo. Acabou iso si na oitava posición, pero loitando por ese sétimo posto coma se dunha medalla tratásese. quedou a décimas.

 

E na última proba, 50 metros libres, volveu facelo. Chano logrou clasificarse para a final co mellor tempo da tempada. Dos tres españois participantes nesta proba, só Chano logrou clasificarse para a final.

 

Esta última proba foi un agasallo e así nolo explicou Chano: “O poder meterme na final foi algo incrible e goceina como un neno, tanto no  poyete, como durante a proba”. Foi diploma olímpico e o deportista estaba feliz: “Quero dar as grazas a todo o mundo, por estar pendente de min, a  Máis que  Auga por facilitarme os medios para o meu adestramento e, por suposto, ao meu adestrador Alex Brea, por estar sempre”.

 

Precisamente o seu preparador Alex Brea dicía que “o balance da competición é perfecto. O desexado e soñado era que Chano puidese loitar para entrar nunha final e non só o fixo nunha senón que o logrou en dúas, en 200 e 50 e en ambas facendo as súas marcas persoais dos dous últimos anos, así que moi contento”. Sobre a proba de 50, Brea explicou a dificultade, “sabiamos que era moi complicado, porque os sete primeiros son nadadores que baixaron de categoría e nadaron moito. Os dous primeiros fixeron récord do mundo, pero Chano loitou ata o final con moita ilusión e ambición”.

 

E tamén acabaron os tres días de taekwondo nos Xogos  Paralímpicos e por tanto, o traballo para nosa  profe María Bautista, árbitra de taekwondo en Tokyo.  María afirmou sen dubidalo que “foi unha experiencia incrible, goceino moito”. Houbo poucos combates que arbitrar (só eran tres por cada árbitro), pero o traballo non se acabou aí, xa que fixo moito vídeo  replay ou de xuíz de cadeira, e tamén  foi a segunda axudante do director de arbitraxe. Ademais, no aspecto técnico non houbo nin unha soa protesta, polo que a valoración foi moi positiva. O único aspecto negativo estivo marcado polo  COVID, o que impediu facer vida máis aló do hotel e o pavillón, polo que nin turismo, nin recordos. Iso si, María quere atopar a  Someity, a mascota dos xogos  paralímpicos, á que vestiu coa camiseta de  Máis que  Auga!