DORI, ÁNGELES E QUICO, GRAZAS POR DEZ ANOS XUNTOS!

22/11/2020

Pasaron xa dez anos, pero hai momentos que se lembran coma se fose onte. O día da apertura da inscrición no Máis que  Auga de Coia foi unha verdadeira tolemia. Desde dúas horas antes de que abrísemos, había unha cola enorme de xente que daba a volta á praza. E é que desde ese mesmo día quedounos claro que os verdadeiros protagonistas de Máis que  Auga sodes vós, os nosos abonados. Por iso agora, que cumprimos dez anos de vida, queremos traervos a tres dos nosos fundadores, xa que nos acompañan desde o primeiro día.  Dori, Ángeles e Quico… Eles son  Máis que Auga!

 

Quico Freire foi un dos que madrugou para conseguir esa praza: “Acórdome perfectamente do día da miña inscrición porque tiven que madrugar e poñerme á cola, e estiven bastante tempo para poder apuntar ás miñas fillas e a min”. Quico recoñece que se namorou do proxecto MQA desde o inicio, porque era un concepto diferente: “Aínda que sempre fixera deporte, nunca me apuntara nun ximnasio. Parecíanme lugares moi pechados e atafegantes, pero Máis que Auga era todo o contrario… Ademais, ao ter piscina, spa e sauna, era un mundo novo e cunhas posibilidades que nunca me plantexara”.

 

Afirma que nestes 10 anos, Máis que  Auga foi fundamental na súa vida, aínda que tivo que ir adaptando os esforzos ao paso do tempo, porque, chancea, “como di a sabedoría popular, a estas idades, se un día levántaste da cama e non che doe nada, é que morriches durante o soño”. Pero por nada do mundo renunciaría ao deporte, porque “nestes momentos difíciles que nos tocou vivir, axudoume a soportalos e manter o espírito, algo que non foi nada fácil”.

 

O deporte sempre foi unha parte fundamental da vida do noso socio, tanto como afeccionado como practicante: “Empecei de neno xogando a fútbol e baloncesto e pasei polo remo, ciclismo, tenis, running, trail e sendeirismo”, explica. A súa cita con  Máis que  Auga é obrigatoria como mínimo tres días á semana, e fai un pouco de todo: Elíptica, traballo de forza, bicicleta, exercicios de core e acaba con estiramentos. Ademais, tenta ir todas as semanas a unha sesión de spa e sauna. E quere finalizar cunha mensaxe de ánimo para todo o mundo e un desexo para  Máis que  Auga: “que estes dez anos sexan o inicio doutros moitos máis e aínda mellores”.

 

E agora chegou o momento de coñecer a Ángeles Lago, quen nos explicou que  se inscribiu en  Máis que Auga porque quería dar un cambio na súa vida e aquí atopou impulso: “Os cambios son sempre difíciles e desde o primeiro momento sentinme arroupada, sentinme ben”.

 

No seu primeiro día no ximnasio fixo step e recoñece que non tivo o mellor inicio: “Estaba tan nerviosa, como todos os que empezan, e recordo que caín. Enseguida déronme a man para levantarme… e ata hoxe”. Porque asegura que Máis que Auga non é só un ximnasio: “Forma parte de min. É onde te relaciones, ris, gozas e estás como na casa”. Ademais, insiste na importancia do deporte na vida, porque “non só traballas o teu corpo, activas tamén a túa mente”.

 

Ángeles visítanos case a diario e como ela mesma chancea, fai un completito: “Correr en cinta, máquinas e clases grupais”, nas que toca un pouco todo (spinning,  body  combat,  body  pump,  gap, mantemento,  mobilidade, estiramentos e  hipopresivos). Así que o confinamento foi duro para a nosa socia que, “sobreviviu” grazas a Casagym. Grazas a ti, Ángeles, por incluírnos na túa vida!

 

Dori Pintos será a terceira na lista dos nosos socios que vos queremos presentar hoxe. É outra das nosas fundadoras, xa que se incorporou á nosa aventura desde o primeiro día e afirma que cando entrou o primeiro día viuse gratamente sorprendida polo que ofrecía o centro. Hoxe, dez anos despois, non dubida en manifestar que “Máis que  Auga é imprescindible na miña vida”.

 

Esta  moza de 67 anos leva toda a súa vida facendo deporte e afirma que o necesita en todos os aspectos: “Se non fago deporte fáltame algo… Me achega axilidade, estar ben no aspecto físico e atoparme ben, no psicolóxico. Sempre fixen deporte e é algo que me encanta!”

 

Así,  Dori acode ao seu centro de  Máis que  Auga de luns a venres e permanece nel durante unhas dúas horas. “Fago algo de spinning, pesas e despois baixo a nadar na piscina, todos os días”. E así, coa actividade e positividade que nos transmite Dori, pensamos xa en como sorprendervos no próximos dez anos!