O domingo 16 imos de marcha a Santa Tegra!

09/05/2021

Volvemos saír de marcha as fins de semana! Pero é unha marcha diferente, sen botellón nin aglomeracións! É marcha nórdica, unha marcha de natureza e saúde, bo humor, respecto polas normas e as persoas e ganas de divertirse.

 

Será a primeira marcha do ano 2021 e xa tiñamos ganas! Para empezar, iremos á Guarda e faremos un percorrido circular de 12 quilómetros polo monte de Santa Tegra. O punto de saída (e chegada) será a praia fluvial e desde aí irémonos cara ao monte e pasaremos polos seus miradoiros e os castros, así que natureza e historia unidos nun percorrido moi fermoso cunhas espectaculares vistas. Despois baixaremos ata o centro da Guarda, pasando polo porto e con chegada ao momento de saída.

 

É un roteiro sinxelo, coa súa maior dificultade na subida ao monte, pero na que haberá varias paradas para gozar das vistas, así que se fará moito máis levadío. Para facer o roteiro, como sempre, calzado cómodo,  viseira para o sol, crema protectora, auga, algo para picar e repoñer forzas durante o camiño e… máscara! O noso accesorio obrigatorio!

 

Esta actividade será gratuíta para os nosos abonados, que só deberán abonar o seguro obrigatorio. O custo desta póliza é de 10 euros e cubrirache todo o ano, ademais de que tamén servirá para o equipo de running ou outras actuacións ao aire libre. A inscrición deberá realizarse nas recepcións dos centros  Máis que  Auga. As persoas que non sexan abonadas da nosa instalación, terán que pagar os dez euros do seguro para toda a tempada, máis o custo da saída, que será de 4 euros.

 

Que é a marcha nórdica? Poida que non saibades moi ben que é marcha nórdica, aínda que seguro que vos soa. O noso técnico Daniel Domínguez cóntanolo: “a marcha nórdica consiste en andar cuns bastóns especialmente deseñados para o desenvolvemento desta actividade física, co obxectivo de optimizar o esforzo físico realizado no movemento  biomecánico do noso corpo ao andar. Isto conséguese grazas á implicación do tren superior (brazos, ombreiros, costas) que se suma ás pernas e cadeira aumentando a eficacia do desprazamento, así como da velocidade. Desta forma, ademais de realizar máis quilómetros á hora que en condicións normais, fatigarémonos menos, dado que o esforzo queda máis repartido en distintos grupos musculares”.

 

Agora só falta que te animes a probala! Esperámoste!