DOCE UVAS, DOCE PROPÓSITOS

08/01/2023

Como todos os días 1 de xaneiro, arrincamos con moitas ganas, lista de obxectivos e confianza cega en que este ano si: Este ano imos facer deporte e coidarnos! E como non queremos que nos pase como no 22, 21, 20, 19… Decidimos expor aquí, por escrito, as nosas liñas de actuación, para que esta vez si se cumpran os nosos desexos. Van ser doce, unha por uva, xa que, se somos capaces de tomarnos as uvas, como non imos poder con isto! E outra cousa, se non cumprimos os doce, e podemos con oito ou dez… O obxectivo estará conseguido!

  1. Obxectivos pequenos. Imos empezar por poñer os pés no chan. Se levamos meses ou anos sen cumprir aquilo que nos propoñemos, non imos agora a marcarnos obxectivos imposibles, porque o único que van facer é desmoralizarnos co primeiro tropezón. Así que, obxectivos pequenos que irán crecendo aos poucos.
  2. Celebrar cada triunfo. Esta “uva” está directamente relacionada coa anterior: Cada logro que alcancemos, deberá ser festexado e celebrado. Sempre está ben que os que nos rodean nos digan un “bo traballo”, “nótase que volviches ao gym”, “queres que che acompañe” ou frases similares para seguir animados e fortes. E se ninguén cho di, ti mesmo/a pos un posit na cabeza enfronte do espello e así arrincamos cun sorriso.
  3. Pouco sempre é máis que nada. Sempre é positivo ter actividade aínda que sexa pouco tempo. Moitas veces, porque só tes media hora ou unha hora, dis: “Xa non vale a pena”. Pois non! Sempre vale a pena. Se podes camiñar media hora, faino, e se ademais pódelo facer a un ritmo un pouco forte, mellor que mellor.
  4. Non queiras facelo todo de golpe. E o mesmo no sentido contrario. Non te poñas agora a adestrar como un tolo/a, todos os días, varias horas… Porque acabarás lesionado/a, terás que volver parar e complicarase todo moito máis.
  5. Sen escusas. Tod@s somos moi dados a buscar escusas. Que se fai malo, que se é pouco tempo, que se me doe aquí… Non máis escusas! Busca a motivación dentro de ti, para tentar facer deporte ou actividade física, o que poidas, na medida das túas posibilidades, e verás como aos poucos o corpo vai pedindo máis e que cada vez podes facer máis. E entón xa non terás que loitar contra as escusas, porque xa non haberá!
  6. Usar menos o coche. Todos sabemos que imos á carreira, que as horas do día non nos chegan… pero hai momentos nos que é máis rendible ir camiñando que en coche, e non só cando están as luces de Nadal en Vigo. Para recados curtos ou ben nos teus días libres, unha pequena camiñada vai sentar incrible. Un paseo a Bouzas, Samil ou, se queres propoñémosche un plan excepcional: Apúntache a algunha das nosas saídas #OutExperience! Asegúroche que te engancharás, coñecerás xente nova, divertida, con ganas de facer deporte, de coñecer lugares novos, da ver amigos… Sen dúbida, un planazo!
  7. Música en casa e a bailar. Ás veces non fai falta nin ir ao gym -onde te esperamos cos brazos abertos- nin saír á rúa. Que temos un día de pena, que diluvia e vai frío e non che apetece saír…Fas un pouco de sitio no salón ou na túa habitación, música alta e a moverte! Ninguén che ve, podes desmelenarte e ensaiar pasos de baile ao teu antollo! E se che ven, tamén!
  8. Mellorar a alimentación. Despois destes días de excesos, case apetece unha pequena limpeza, así que podemos aproveitar para comezar a comer mellor. Non falamos de dieta, senón de incluír máis froitas e verduras na túa alimentación, se é que non o facías.
  9. E se te metes na cociña… Que mellor maneira, para mellorar a túa alimentación, se es ti quen cociña en casa. Así se acaban os alimentos ultraprocesados e saberás perfectamente o que estás a comer, porque o fixeches ti. Como antes, igual non podes cociñar todos os días, pero si algúns, ou ben podes aproveitar un día para facer “meal prep”, que é preparar comida para varios días por adiantado. É algo moi satisfactorio ir á neveira e ter a comida do día preparada e só pendente de quentar.
  10. Beber auga. É un tópico, pero moi necesario. O corpo necesita auga e a túa pel tamén, así que é outro dos nosos obxectivos do ano. Hai persoas ás que lles custa moito beber auga sen máis, e para elas truquiños: Compra unha botella térmica bonita e pona ao teu lado mentres traballas, sempre apetece máis que ver unha botella de plástico; aposta polas infusións, tanto frías como quentes, se o que necesitas é que a auga saiba a algo (iso si, sen azucre); se es dos que che esqueces de todo cando estás a traballar, pon alarmas recordatorias no móbil, para lembrar que o corpo necesita moverse (se o teu traballo é sedentario) e hidratación.
  11. Dorme as horas necesarias. Aínda que non o creas, é outro dos aspectos imprescindibles. Fundamental, durmir ben, para facer deporte e estar en condicións de render a bo nivel.
  12. Dedícate tempo a ti mesmo/a. Nesta vida nosa, estamos todo o día á carreira, así que para, pensa que che apetece facer, e dedica un tempo cada día para facer o que che apeteza. Se é adestrar, adestrar; ou pasear, ou ir ao cinema, ou tirarte no sofá, ou ver ás amizades, estar coa familia… Un tempo para ti!