DOBRE PROPOSTA OUTEXPERIENCE PARA O DOMINGO 26 DE FEBREIRO

20/02/2023

Para o domingo 26 de febreiro preparámosvos dúas propostas diferentes na mesma contorna, nese percorrido dos Miradoiros de Vigo que nos parece tan fermoso e tan adecuado para facer deporte en contacto coa natureza.

 

Iniciación ao Trail

 

Imos contarvos as nosas propostas! O domingo 26 imos madrugar, porque a cita é ás  09:30 horas para realizar a nosa saída de iniciación ao Trail. O punto de saída será o Colexio Estudo de Chandebrito e a partir de aí espérannos 6 quilómetros de percorrido e 250 metros de desnivel.

 

Comezaremos con 1 quilómetro chairo para quentar e que nos levará ao parque forestal de Camos. Subiremos á caseta dos cazadores e ao Maúxo Grande de Coruxo e descenderemos por un carreiro moi fermoso e divertido, cheo de saltos e peraltes no medio dun bosque de piñeiros. A duración aproximada da saída é de 1 hora e 30 minutos. Proposta de luxo!

 

Aquí deixámosvos, o percorrido do roteiro en Strava e a localización da saída.

Andaina dos Miradoiros

 

Pero igual quedaches con ganas de seguir, así que temos máis! A continuación (11:00 horas) comezará a Andaina dos Miradoiros, con saída desde os Pulmóns de Chandebrito. Será un percorrido en forma de “8” de 11,8 quilómetros e 570 metros de desnivel, que comezaremos ascendendo e finalizaremos en descenso. Partiremos, como o día anterior na roteiro BTT, cara ao Monte Cepudo de Valladares, nun percorrido de 5 quilómetros, con regreso ao momento de partida. Aí, decidiredes como ides de forzas e se vos animades a seguir ata a segunda cima do día: Maúxo Grande de Coruxo. Esta segunda parte do roteiro terá aproximadamente 7 quilómetros, pasando polo pobo de Chandebrito e subindo por pistas alcanzables pero con algo de pendente, para chegar ao miradoiro do Maúxo Grande, desde onde gozaremos dunhas das mellores vistas da cidade de Vigo. O descenso realizarase polo novo bosque replantado en Chandebrito, tras os terribles incendios que arrasaron esa zona no ano 2017.

 

Aquí deixámosvos as ligazóns co percorrido en Strava e a localización da saída

E non podemos finalizar sen as nosas recomendacións: Non esquezades levar calzado cómodo e adecuado para estas actividades; roupa para facer deporte e algo para beber e comer, que son varias horas de actividade. Tampouco estará de máis que levedes roupa de abrigo ou un chubasquero (sempre pendentes das previsións meteorolóxicas). Se vos queredes apuntar a este plan #OutExperience, podedes reservar a vosa praza na recepción dos nosos centros ata completar o aforo. Como sabedes a maioría, é unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e un ano de vixencia). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.