DOBRE ACTIVIDADE OUTEXPERIENCE PARA O DOMINGO 18 EN FRAGOSELO

12/02/2024

E como nos gustan as fins de semana intensas, para o domingo 18 de febreiro preparamos unha dobre sesión de OutExperience en Fragoselo, para chegar a todas e todos. Comezaremos cunha saída de iniciación ao trail running e posteriormente realizaremos un roteiro de sendeirismo de Fragoselo ao Mauxo Grande.

 

Así que imos contar como será o noso domingo! Arrincaremos ás 9:30 horas desde a Capela de San Sebastián, en Coruxo, e desde aí realizaremos un roteiro de iniciación ao trail running, que terá unha duración de 7,5 quilómetros e 350 metros de desnivel positivo, que nos levará en só dous quilómetros ao lugar máis alto do macizo forestal de Coruxo, o Mauxo Grande. A partir de aquí, un descenso longo e divertido, de 4 quilómetros, ata o Camiño de Santiago, que discorre pola ladeira da montaña de Saiáns, para regresar ao momento de inicio aproximadamente unha hora e media despois da saída, onde poderemos repoñer forzas.

 

Andaina

 

Pero claro, como vai a acabar aquí a nosa xornada de deporte e natureza? Necesitamos máis! Así que a continuación, desde a Capela aproximadamente ás 11:00, iniciaremos un roteiro duns dez quilómetros en dirección ao Mauxo Grande de Coruxo, para contemplar as mellores vistas da cidade e da súa ría, cunha subida de 250 de desnivel que nos levarán ao punto máis alto da xornada. Despois de recrear a vista, repoñer forzas e facer fotos, continuaremos ata o outro miradoiro no alto de Bandeira, onde volveremos gozar dunha paisaxe inigualable do Val Miñor e as Illas Cíes. E xa, coa alma chea de fantásticos recordos, emprenderemos o camiño de regreso pola pista que une o parque forestal de San Miguel de Oia con Fragoselo, un sitio único e ideal para un paseo matinal domingueiro.

 

A continuación, tes as ligazóns co punto de saída e os dous roteiros.

 

Como facemos cada día, as nosas recomendacións: Roupa e calzado adecuado para cada unha das actividades, tendo en conta as previsións meteorolóxicas. Ademais, sempre é conveniente levar comida e bebida para repoñer forzas, sobre todo se imos realizar actividade física durante varias horas. E, claro, moitas ganas de pasalo ben e de gozar do deporte, a natureza e a xente do noso grupo OutExperience!

 

E se aínda non coñeces o programa OutExperience, pero encántanche este tipo de actividades, só tes que solicitar información na recepción de calquera dos nosos centros, onde tamén poderás reservar a túa praza.

 

Ademais, lembrámoste que o programa Outexperience se pode pagar por actividade ou por tempada. O custo por saída é de 4,35 euros para o adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). O abono por tempada ten un prezo para os socios de 20 euros e de 40 para os non abonados/as.

 

Por último, lembra que para poder participar en actividades ao aire libre é necesario ter un seguro obrigatorio que se paga só unha vez (11 euros) e cobre todas as actividades que se fagan durante un ano no exterior.