DO 20 AO 26 DE NOVEMBRO, “FAMILIAS Á AUGA” EN MÁIS QUE AUGA

16/11/2023

Chega unha das semanas máis emocionantes para os nosos peixiños e para nós! Despois de tres meses de clases de natación, as familias poderán ver in situ os avances dos seus peques e mesmo compartir con eles xogos e momentos moi especiais na auga.

 

Así, do 20 ao 26 de novembro celebraramos “Familias á auga”, a nosa antiga Semana de Pais e Nais, que rebautizáchedes vós a través dun concurso que fixemos por Instagram. Seguro que xa moitos coñecedes en que consiste o evento, pero imos facer un repaso, sobre todo para aquelas persoas que se incorporaron recentemente á familia Máis que Auga.

 

En que consistirá a clase? Comezaremos coa titoría e a demostración das habilidades, onde os nosos peixiños amosarán todo o aprendido nestes tres primeiros meses do curso. Ademais, os técnicos/as explicarán ás familias os avances dos seus peques e poderán intercambiar opinións.

 

E posteriormente chegará o momento máis divertido e especial para todos. A familia tamén se meterá na auga e gozará duns xogos deseñados polos nosos técnicos/as. Nesta actividade poderán participar os maiores presentes (e/o menores de máis de 11 anos que por suposto, saiban nadar).

 

Importante, non vos esquezades que para entrar na zona de auga é imprescindible levar chanclas e claro, se queredes acceder á auga, bañador e gorro.

 

Con esta experiencia, que se realizará dúas veces ao ano, “o que pretendemos é achegarnos ás familias, que vexan os progresos realizados e que tanto os peques como as familias gocen dun día especial, diferente e divertido”, explicou Almu López, xefa de equipo do departamento de piscina en Máis que Auga Coia.

 

Así que xa sabedes, a próxima semana esperámosvos en “Familias á auga”!