DIRECTRICES DA OMS SOBRE A ACTIVIDADE FÍSICA E A VIDA SEDENTARIA

10/01/2021

Sabedes que agora máis que nunca se fala da necesidade de facer actividade física, como unha parte fundamental na prevención de múltiples enfermidades. Desta forma, a Organización Mundial da Saúde publicou unhas directrices fundamentais sobre a actividade física e a vida sedentaria, que achegan luz sobre esta cuestión e ofrecen recomendacións de saúde pública baseadas en probas sobre a cantidade de actividade física que deben realizar nenos, adolescentes, adultos e persoas maiores en termos de frecuencia, intensidade e duración para obter beneficios de saúde significativos e mitigar os riscos para a saúde.

 

Comeza o documento con seis mensaxes principais:

  1. A actividade física é boa para o corazón, o corpo e a mente. Realizar unha actividade física con regularidade pode previr e axudar a xestionar as cardiopatías, a diabetes de tipo 2 e o cancro, que causan case tres cuartas partes das mortes de todo o mundo. Ademais, a actividade física pode reducir os síntomas de depresión e ansiedade, e mellorar a concentración, a aprendizaxe e o benestar en xeral.

 

  1. Calquera cantidade de actividade física é mellor que ningunha, e canta máis, mellor. Para mellorar a saúde e o benestar, a OMS recomenda polo menos entre 150 e 300 minutos de actividade aeróbica moderada á semana (ou o equivalente en actividade vigorosa) para todos os adultos, e unha media de 60 minutos de actividade física aeróbica moderada ao día para os nenos e os adolescentes.

 

  1. Toda actividade física conta. A actividade física pode integrarse no traballo, as actividades deportivas e recreativas ou os desprazamentos (a pé, en bicicleta ou nalgún outro medio rodado), así como nas tarefas cotiás e domésticas.

 

  1. O fortalecemento muscular beneficia a todas as persoas. As persoas maiores (a partir de 65 anos) deberían incorporar actividades físicas que dean prioridade ao equilibrio e a coordinación, así como ao fortalecemento muscular, para axudar a evitar caídas e mellorar a saúde.

 

  1. Demasiado sedentarismo pode ser malsano. Pode incrementar o risco de cardiopatías, cancro e diabetes de tipo 2. Limitar o tempo sedentario e manterse fisicamente activo é bo para a saúde.

 

  1. Todas as persoas poden beneficiarse de incrementar a actividade física e reducir os hábitos sedentarios, en particular as mulleres embarazadas e en puerperio e as persoas con afeccións crónicas ou discapacidade.

 

 

Neste informe, a OMS fala das diferentes etapas da vida e sobre canto tempo debes dedicar ao exercicio e con que frecuencia, que tipo de exercicio é o adecuado e que é o que hai que facer se se busca obter maiores beneficios para a saúde. Ademais, tamén hai recomendacións sobre o que non se debe facer en cada momento da vida.

 

É un documento moi interesante que vos recomendamos que consultedes para coñecer que recomenda para ti e a túa familia. Podes acceder a el na seguinte ligazón.