DÍA MUNDIAL CONTRA A OBESIDADE: AO PERDER PESO, GAÑAMOS VIDA

07/03/2021

Esta semana, o  4 de marzo, celebrouse o Día Mundial contra a Obesidade, que ten o obxectivo de concienciar ás persoas sobre o terrible dano que conleva para o organismo unha dieta alta en graxa e azucres. A Organización Mundial da Saúde (OMS), promotora desta conmemoración, lembra que a obesidade alcanzou proporcións epidémicas a nivel mundial. Estímase que, desde 1967, esta enfermidade triplicouse, logrando que en 2016, 1900 millóns de adultos a padecesen así como 340 millóns de nenos e adolescentes.

 

E en España? Segundo datos do Ministerio de Sanidade, na poboación adulta española (25-60 anos) a prevalencia de obesidade é do 14,5% mentres que o sobrepeso ascende ao 38,5%. Isto é, un de cada dous adultos presenta un peso superior ao recomendable. A obesidade é máis frecuente en mulleres que en homes. Ademais, viuse acrecentada neste último ano de pandemia mundial, no que aumentou de forma clara o sedentarismo e tamén a obesidade.

 

Así, queremos lembrarvos algúns consellos para loitar contra a obesidade, un problema a nivel mundial que preocupa e moito, xa que á súa vez provoca outras enfermidades que poden chegar a ser moi graves. Durante a pandemia da COVID-19, a obesidade tamén tivo, desgraciadamente un papel protagonista. Os estudos realizados demostraron que a obesidade é un dos principais factores de risco para cursar cunha infección grave e falecer por Covid-19.

 

Son moitas as razóns polas que dar un paso adiante para loitar contra o sobrepeso. Desde aquí, queremos darvos unhas liñas de actuación moi sinxelas, pero nas que é necesario o voso compromiso. Non falamos de dietas milagrosas, nin de propósitos do novo ano, nin da operación bikini… Falamos de cambiar pautas de vida, con dous parámetros fundamentais.

  1. Unha alimentación sa. É primordial e sinxelo de levar a cabo agora que estamos moito máis tempo en casa. Por que non nos poñemos o mandil e probamos a realizar unha desas receitas da avoa, ou algunha desas que sempre quixeches facer e non te atrevías? É o momento de acudir aos mercados, ao comercio do barrio para pedir os alimentos de tempada, que sempre serán os mellores. A quen non lle apetece agora unhas ricas e doces fresas? Pode ser a mellor das sobremesas e a máis san tamén. É fundamental que lembredes que non estamos a falar de dieta, senón dun cambio de hábitos alimentarios, algo a aplicar os 365 días do ano, seguindo unhas pautas moi sinxelas: Incrementar o consumo de froitas, vexetais, cereais e legumes; beber máis auga e bebidas saudables; tentar consumir menos graxas saudables e evita ao máximo o consumo de alimentos  ultraprocesados, azucres e graxas  trans.

 

  1. Actividade física. Para loitar contra a obesidade é importante tamén facer exercicio. Unha vez máis non estamos a falar de modas, senón dun cambio na túa vida. Nesta época de pandemia aumentou o sedentarismo, así que chegou o momento de dar un paso adiante. Non se trata de machucarse, senón de incorporar a actividade física aos teus hábitos diarios, e verás como, aos poucos, iso vese reflectido na túa vida: Durmirás mellor, diminuirá a tensión e aumentará o benestar físico e psicolóxico. Porque o exercicio físico mellora o noso estado de ánimo e reforza a autoestima.