DESCOBRE AS CLAVES PARA DEFINIR O CORPO

06/04/2023

Moitas veces oímos no gym o concepto “corpo definido”. Seguro que moitas persoas saben o que significa, pero non sempre teñen claros os pasos a seguir para alcanzar esa definición. Así que o pasado venres, en Máis que Auga Navia, o responsable do gabinete de nutrición, Víctor Vázquez, ofreceu unha charla na que nos deu as claves para “definir o corpo” e explicounos que, para que teñamos éxito, é necesario traballar tanto a alimentación como o adestramento.

 

Para empezar, o primeiro foi aclarar que significa en realidade “definición”. Non podemos pensar que é deixar de comer para baixar quilos; o importante é “mellorar a composición corporal eliminando graxa e mantendo, ou mellorando, a masa muscular”.

 

Neste proceso, hai factores importantes para que teña éxito.  É importante que a porcentaxe de graxa sexa media ou alta, que a persoa estea afeita adestrar e, ademais, o adestramento de forza é fundamental, para conseguir bos resultados.

 

Pero imos cos piares fundamentais para definir o corpo. Tal e como nos explicou Víctor son tres: Déficit calórico, adestramento de forza e consumir suficiente proteína.

 

Déficit calórico: Evidentemente, a clave é gastar máis calorías das que se consomen e iso pódese facer reducindo as calorías que enxires ou facendo un maior gasto calórico diario.

Adestramento de forza: Se non adestras o suficiente, os resultados non serán os mellores. O adestramento ten que ser intenso.

Consumo de proteína: Cada corpo necesita unha cantidade de proteína para non perder masa muscular. A proteína está presente en carnes, peixes, ovos, lácteos e legumes e tamén hai suplementos, no caso de que non se alcance esa cantidade mínima.

 

Evidentemente cada persoa, cada corpo, é diferente, polo que é importante que se faga un traballo individualizado e tamén que se realice un seguimento, xa que haberá que ir facendo axustes periódicos para ir baixando as calorías de forma progresiva e tamén poderemos incorporar o cardio para aumentar o noso gasto calórico diario.

 

Se queredes saber máis, consultar as vosas dúbidas ou iniciar o proceso de “definición” non dubidedes en achegarvos polo gabinete de nutrición de Máis que Auga Navia, onde Víctor poderá dar resposta a todos os vosos interrogantes.