DENDE OUTUBRO, OUTEXPERIENCE PARA OS MÁIS PEQUENOS!

28/09/2022

OutExperience chega aos máis pequenos! A partir do 5 de outubro, todos os mércores, estreamos OutExperience Kids e Júnior en Máis que Auga, unha actividade multideportiva orientada ao respecto pola natureza e o coñecemento do medioambiente

 

Para os máis pequenos #OutExperience será un pouco diferente, xa que se presenta en forma de curso, con clase semanal, dunha hora de duración, que se celebrará todos os mércores. Os Kids (de 5 a 8 anos) terán a súa sesión ás 16:15 horas, mentres que os júnior (de 9 a 14 anos) sairán unha hora despois.  A actividade realizarase preto de MQA Coia e a saída terá sempre lugar desde o propio centro.

 

O curso estará dividido en catro bloques temáticos, que se irán desenvolvendo ao longo da tempada: Xogos (outubro, xaneiro, abril), natureza e orientación (novembro, febreiro, maio), atletismo (decembro, marzo, xuño) e forza/coordinación (en interior, os días de mal tempo).

Así, comezaremos en outubro con Xogos, nos que teremos unha gran variedade, desde individuais a colectivos, carreiras ou xogos con balón (fútbol, rugby, baloncesto…), e sen esquecernos dos tradicionais (tabas, birlos celtas, carreiras de saco…), para que os nosos pequenos coñezan como se entretiñan os seus antepasados, cando non había xoguetes nin tecnoloxía.

 

Natureza e orientación. Seguro que as e os participantes gozarán moitísimo coas carreiras de orientación e as buscas do tesouro, aínda que antes terán que aprender a manexar o compás e a ler os mapas. Ademais, fomentaremos a curiosidade e o respecto polo medioambiente, así como o coñecemento da contorna (árbores, plantas, animais…)

 

Atletismo. Ensinaremos técnica de carreira e tamén faremos un percorrido polas diferentes disciplinas de atletismo (carreiras, saltos, lanzamentos…), o que lles permitirá aos nenos e nenas saber en cal sente máis cómodos e cal lles gusta máis. Tamén se traballará a resistencia, a velocidade, a explosividade e propoñerase participar en probas as fins de semana.

 

Coordinación e forza.  Haberá días nos que será imposible realizar as actividades no exterior (cando as condicións climatolóxicas sexan adversas), polo que teremos un plan B no que se traballará a coordinación e a forza. Como? Faremos circuítos e exercicios individuais, de parellas e grupos de forza, habilidades e coordinación. E sempre nun ambiente distendido para que os mozos deportistas aprendan e desfruten á vez, ademais de que coñecerán a novos amigos/as.

 

E como será unir OutExperience de nenos e maiores? Porque os nosos pequenos aventureiros poderán sumarse cos seus proxenitores ás andainas, os roteiros en bicicleta de montaña ou as probas de orientación, que facemos en fin de semana.  Toda unha experiencia en familia! Está claro que OutExperience promete grandes momentos para as e péquelos de casa! Así que, se estás interesado/a, non dubides en preguntar na recepción de calquera dos nosos centros e trataremos de resolver todas as túas dúbidas. Esperámosvos!