CUN ADESTRADOR EN EXCLUSIVA PARA TI

21/08/2020

Se che dá preguiza ir en solitario ao ximnasio ou che falta motivación; se necesitas que alguén cualificado estableza unhas pautas de traballo para alcanzar obxectivos…  Este servizo de adestramento persoal pode ser o indicado para ti!

 

Que é o servizo de adestramento persoal que ofrece  Máis que  Auga? O noso técnico de  Máis que  Auga Navia, Aitor Domínguez, explícanolo así: “É un servizo personalizado, axustado aos obxectivos específicos do cliente, baseado no rigor e recomendacións científicas para a consecución deses obxectivos”. Pero que esta definición non vos faga pensar que só está recomendado para grandes obxectivos, nin moito menos. Está dirixido a todo tipo de poboación, explícannos os nosos técnicos Aitor e Alex Pérez, desde os nenos á terceira idade, e con obxectivos moi variados (saúde, estética ou rendemento deportivo).

 

Así, entre os usuarios podemos ter desde nenos que necesitan baixar peso; a persoas que queiran recuperarse dunha lesión, xente con problemas de costas, outros que simplemente quere poñerse en forma ou ben traballar a  musculación… A realidade é que non existe un perfil de usuario tipo, xa que hai un mixto bastante equilibrado tanto por sexo como por idades.

 

Como funciona? Se estás interesado, debes achegarche á recepción do teu centro e preguntar por este servizo. O técnico poñerase en contacto contigo para coñecer cales son os teus obxectivos, a situación na que te atopas, dispoñibilidade horaria e marcar así o programa a desenvolver.

 

O adestramento pode ser de media hora ou unha hora, segundo decidan ambas as partes conxuntamente e durante este tempo, o monitor estará xunto ao usuario dirixindo a sesión de traballo. Ademais, o preparador tamén che pode marcar “deberes” para casa, para que continúes a preparación e non se limite ao tempo no centro.

 

Nesta época post confinamento, o traballo non se complicou en exceso. Tanto monitor como cliente sempre levan máscara e todo o material que se utiliza se  desinfecta antes e despois do uso. Evítase o contacto e ademais, sempre que se pode, búscanse zonas de adestramento alternativas a sala fitness, para que sexa máis cómodo.

 

Así que, se estás interesado neste servizo, non dubides en acudir á recepción dos nosos centros e preguntar polo adestramento personalizado. Alí explicaranche as condicións e buscarán a fórmula que mellor se che adapte.